PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Aberto o prazo de solicitude das subvencións ás asociacións veciñais, cuxa partida para 2012 se incrementa un 30%

25/09/2012 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste 25 de setembro publica as bases das subvencións ás asociacións de veciños deste exercicio 2012. A partida total para estas axudas ascende a 72.000 euros, un 30% máis que no ano 2011. O prazo de solicitude remata o luns 15 de outubro.

O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, xa comunicou persoalmente a cada asociación veciñal e aos seus presidentes toda a información relativa a esta convocatoria. Ademais, os responsables dos diferentes centros socioculturais entregaranlles ás asociacións copia das bases e, se o precisan, axudaranas a cubrir os impresos.

A partida de 72.000 euros para subvencións veciñais supón un incremento do 30% respecto a 2011. Esta suba fora un compromiso asumido por escrito polo concelleiro coas entidades veciñais.

Tal como recordou recentemente Francisco Noya en rolda de prensa, as bases experimentaron algunha modificación co obxectivo de simplificalas, evitar a entrega de documentación que xa posúe o Concello e axilizar a tramitación.

Estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades a realizar polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais vinculados tamén a esas actividades. No exercicio anterior, 47 entidades veciñais pediran estas axudas.

Documentos relacionados



Compartir: