ECONOMÍA

A aplicación Galitempo, de Adrián Moreno e Gonzalo Mateo, gaña o certame Open Data

14/06/2012 O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deu a coñecer os proxectos gañadores do I Premio Open Data nun acto celebrado no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA). O primeiro premio levouno o proxecto Galitempo, de Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, mentres que o segundo galardón recaeu en Datos Gráficos www.datosgraficos.com, de Ramón Antonio Parada Rodríguez. O Concello patrocionou este premio.

Participaron no acto de entrega dos premios o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o secretario do ente colexial, Juan José González, ademais dos patrocinadores do evento: Emilio José Díez, en representación de Bahía Software, e David Mosquera, por Hewlett-Packard, e a primeira tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Economía, Comercio e Mercados, Reyes Leis.

O proxecto galardoado co primeiro premio, Galitempo, é unha aplicación para iOS, especialmente deseñada para iPhone, que permite consultar a información meteorolóxica de MeteoGalicia nos dispositivos iOS como son iPhone e iPad. A partir dos ficheiros e imaxes proporcionados diariamente por MeteoGalicia, a aplicación Galitempo procesa e mostra na pantalla a información, adaptada ao formato de pantalla do iPhone para que o seu uso sexa o máis rápido e sinxelo posible.

Os dous autores de Galitempo -que recibiron un total de 600 euros por quedar clasificados no primeiro lugar-, Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, son de Santiago de Compostela e enxeñeiros técnicos en Informática de Sistemas pola USC.

Pola súa banda, o proxecto Datos Gráficos, merecente dos 400 euros do segundo premio, é unha ferramenta que permite a visualización da información do Instituto Nacional de Estadística (INE). Segundo asegura o propio autor no resumo da súa candidatura, o INE é coñecido por ser unha gran fonte de datos que non pode chegar á maioría das persoas pola dificultade que supón o emprego desa información. Mediante a ferramenta premiada, se unha persoa quere amosar datos nun estudo de mercado, nun artigo xornalístico ou nun traballo escolar, entre outros exemplos, poderá facelo sen precisar da axuda de persoal especialista.

O redondelán Ramón Antonio Parada é un desenvolvedor de aplicacións web residente na cidade da Coruña ao que só lle resta presentar o proxecto final de carreira para converterse en enxeñeiro técnico informático de Sistemas.

Este I Premio Open Data pretende fomentar o coñecemento e potenciar o espírito emprendedor en Galicia. O concurso quere ser un estímulo para o desenvolvemento de aplicacións no Open Data, que aposta por que determinados datos estean dispoñibles de xeito libre para todo o mundo, sen restricións nin de copyright nin de patentes, ou outro mecanismo de control.

Compartir: