Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

Aerolíneas Federales,un dos regresos máis esperados do ano, no Compostela Rock

Aerolíneas Federales.
Ampliar Aerolíneas Federales.


22/03/2012 Aerolíneas Federales protagoniza darán o seu concerto presentación en Galicia o 19 de abril, ás 21:00 horas, na Sala Capitol, dentro do Compostela Rock, no que é un dos regresos máis esperados do ano. Así o anunciaron en rolda de prensa o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Miguel Costas, Silvino Díaz e Coral Alonso, integrantes do grupo.

Os vigueses tiveron grande éxito na década dos anos oitenta co seu pop-rock, que moitos lembran en temas moi coñecidos como "No me beses en los labios", "Soy una punk" o "Solo quiero divertirme". As entradas para o concerto, baixo o nome "Hasta el final… y más allá", poden mercarse en Servinova, A Reixa Tenda, Sala Capitol e nas billeteiras do Teatro Principal, a 12 euros a anticipada e 15 euros o día do concerto.

Aínda que a orixe da banda hai que buscala en 1981, non é ata 1986, en pleno auxe da movida madrileña, cando lanzan o seu primeiro disco homónimo, Aerolíneas Federales, co mítico selo DRO. Un grupo de pop-rock cunha actitude punk que enseguida alcanza un gran éxito en todo o país. A clave hai que buscala nesas letras descaradas, provocativas, un tanto surrealistas e, sobre todo, completamente aditivas. O disco xa contiña tres dos seus grandes himnos, "Vacaciones", "No me beses en los labios" e "Soy una punk", polos que seguen sendo lembrados a día de hoxe.

A partir de aí, a disco por ano: Hop Hop (1987), Tomando Tierra (1988) e Echame Sifón (1989), continuando co selo DRO e producido, algún deles, por Servando Carballar, de Aviador Dro. Chegou 1991 e a historia acabou. Costas e Coral, as dúas voces importantes, abandonan e no seu lugar entra Silvia Superstar (que despois fundaría Killer Barbies). Cambio de discográfica a RCA e un último disco, Una o ninguna, de temática máis macabra, para pór fin a unha carreira curta pero das que deixan pegada.

E 20 anos despois chegamos a 2011. A banda de Silvino Díaz, Miguel Costas, Luís Santamarina, Rosa Costas e Coral Alonso, recibe unha chamada dun fan de Perú que lles propón contratalos para dar dous concertos no país sudamericano e ante a atípica proposta deciden volver ensaiar para afrontar eses dous shows nas Américas. Debido á tremendas acollida e ao bo feeling que notaron ao volver reunirse, deciden seguir ensaiando para dar algún concerto puntual, aclarando que o seu non é unha volta aos escenarios para preparar unha extensa xira. A súa intención é realizar unha serie de concertos exclusivos en sitios especiais para eles. Desta forma, o 14 de abril o grupo volverá pisar un escenario madrileño, e uns días despois, o 19 abril, farán o propio en Santiago de Compostela, na que será a presentación en exclusiva e nun aforamento reducido das súas cancións máis emblemáticas. Unha reunión cos fans de toda a vida e coas novas xeracións que nunca puideron ver en directo a un dos grupos máis representativos da escena galega.

O seu regreso faise aínda máis potente coa noticia da publicación por parte de Elefant Records dun CD e un Dobre-10", en vinilo de cor rosa, con algunhas das maquetas gravadas polo grupo de Vigo na década 1983-1993, practicamente todo o período de vida do grupo.

Con dúas épocas ben diferenciadas, este traballo, chamado Hasta el final...y más allá, contén algunhas das primeiras gravacións do grupo, así como unha maqueta con oito cancións que debían formar parte do seu sexto disco e que nunca chegaron a ver a luz. En definitiva, o público galego ten unha cita imprescindible na Sala Capitol, cun directo repleto de hits imperecedoiros, incontestables, dun grupo clave na historia do pop español... Así eran, e así son, Aerolíneas Federales.

Máis Compostela Rock
Logo dos concertos de The Answer, Corizonas, Diamond Dogs+Sugar Mountain e Cooper, Compostela Rock aínda nos ten moito que ofrecer. Antes deste regreso de Aerolíneas Federales teremos a Mark Lanegan+Creature With The Atom Brain o 28 de marzo e, a continuación, chegarán Toy Dolls o 7 de maio, ambos na Sala Capitol, onde tamén poderemos escoitar a Leiva o 10 de maio; e xa o 24 de maio, o Teatro Principal será o escenario que acollerá a La Habitación Roja.

Tamén dentro do ciclo e enmarcados dentro da Semana Oficial de Curtocircuíto, estarán no Teatro Principal Dúo Cobra o 4 de maio e La Débil+Unicornibot o 5 de maio, e Fasenuova o 9 de maio, na Zona "C". Pero a programación do Compostela Rock non se pecha aquí, xa que aínda haberá algunha sorpresa máis que se anunciará en breve.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal