EDUCACIÓN

A CiberCaixa de Roxos estará aberta durante os meses de novembro e decembro

29/10/2012 A CiberCaixa, instalada no CEIP Roxos Villestro grazas ao convenio de colaboración asinado pola Concellería de Educación coa Fundación La Caixa, estará aberta durante os meses de novembro e decembro Esta iniciativa satisfará as necesidades educativas e lúdicas de escolares de entre 3 e 12 anos, facilitando ademais a conciliación da vida familiar e laboral. O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de outubro.

O CiberCaixa estará aberta de 9:30 a 14:30 horas nos períodos vacacionais e de 16:00 a 19:00 horas no período lectivo. Conta con tres espazos integrados: un espazo de informática, equipado con ordenadores; un espazo de lectura e audiovisuais, con libros, xornais e equipos audiovisuais; e un espazo infantil, con recursos específicos para os máis pequenos.

Nestas instalacións, os escolares teñen acceso a diversos recursos pedagóxicos, como os KitsCaixa. Son un conxunto de materiais destinados a proporcionar recursos lúdicos e educativos aos nenos e nenas, co fin de axudarlles a recoñecer as súas propias emocións e adquirir e fixar unha serie de valores que lles axudarán a mellorar a súa relación co contorno, favorecendo a confianza en si mesmos. Aquí hai actividades relacionadas coas letras, os detectives, a maxia, a música ou as fadas.

Os rapaces tamén dispoñen dun espazo adaptado para o fomento do hábito lector, onde poden atopar un gran número de libros dirixidos a todas as idades. Neste espazo pódense desenvolver actividades tanto individuais, mediante a lectura, como grupais, a partir da escoita de contos e historias.

No eido audiovisual, existen películas e material de diversas temáticas. E para os que se queiran adentrar na informática, os espazos de CiberCaixa están equipados con seis PC, un portátil, impresora, escáner, proxector de pantalla e outros complementos como webcams, auriculares ou micrófonos. Na instalación tamén hai un lugar para os xogos de mesa.

Máis información na Concellería de Educación:
Tel.: 981 55 44 00
Fax: 981 57 15 11
E-mail: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: