Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

Leilía, novo concerto de Sons 2012

Leilía.
Ampliar Leilía.


23/02/2012 O ciclo Sons 2012 ofrécenos unha nova cita coa calidade e a diversidade. Así, o venres 24, a partir das 21:00 horas, poderemos escoitar ás Leilía, que presentan o seu último traballo, ConSentimento no Auditorio de Galicia.

ConSentimento é un homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza. Coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, Leilía propón neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco no que apenas tres instrumentos: guitarra, acordeón e contrabaixo, abrigan á perfección a beleza do canto tradicional os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. O deseño do espectáculo corre por conta doutro dos grandes profesionais da escena galega: Quico Cadaval.

Leilía nace no ano 89, da man de seis mulleres, Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario, que cunha aposta pioneira e atrevida, propuxeron recuperar do esquecemento a tradición oral galega. É así como abriron un camiño propio ao publicar a mediados dos 90 Leilía (Dismedic), composto exclusivamente por pezas tradicionais. Con esta publicación obtiveron un fondo recoñecemento de crítica e público, que descobre un xeito de expresión oral, ata daquela practicamente descoñecido na nosa sociedade. Unha vez sentados os cementos atrévense a dar un paso máis: achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais. Así nace I é verdade i é mentira (Virgin Records) (1998) baixo a produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. No ano 2003, publican Madama (Discmedi) no que seguindo a estela do anterior traballo, incorporan un novo elemento: letras de temática actual.

No 2005, coincidindo co seu 15º aniversario, publican Son de Leilía (Leilear), un percorrido pola historia do grupo, no que se reflectiran as raíces tradicionais, así como as pezas máis evolucionadas, pasando polas diferentes colaboracións que tiñamos feitas ó longo dos nosos 15 anos de historia.

Ás portas do 2012 sae á luz ConSentimento, un traballo no que as melodías tradicionais recollidas por Leilía se engalanan coas letras creadas por destacadas escritoras para a ocasión e tamén polos arranxos musicais feitos por Xoan Porto. Un disco, que sen deixar de soar a Leilía, ten corpo e gusto propio.

As entradas, a un prezo único de 10 euros están á venta en Servinova e na billeteira da Concellería, situada no Teatro Principal, que ten horario de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, o propio día do concerto poderán mercarse a partir das 18:00 horas e ata o comezo do evento na billeteira do Auditorio de Galicia.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal