ALCALDÍA

O alcalde reitera a necesidade de "pechar filas" en torno a Medicina

26/03/2010 o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, insistiu en que a Universidade de Santiago debe avanzar en dúas dirección: a defensa da Facultade de Medicina e en seguir potenciando o seu perfil investigador. Neste sentido, referendou en rolda de prensa o apoio municipal á institución académica, "capital fundamental da cidade".

Dentro do "respecto á autonomía" da USC e do "apoio absoluto" á mesma, Sánchez Bugallo falou da necesidade de "pechar filas" en torno á defensa da Facultade de Medicina. Así, recordou novamente a decisión firme de "non aceptar ningunha segregación ou división".

Por outra parte, o alcalde afirmou que a USC "debe seguir potenciando o seu papel investigador", o cal require "o pleno apoio do Concello e do resto de administracións públicas. Por iso salientou a importancia da recente visita do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e da elección do Campus Vida da USC como campus de excelencia internacional. Nesta liña, dixo, é na que debe seguir avanzando a Universidade, co Campus Vida e co Campus de Ciencias da Saúde e as súas futuras facultades integrado no mesmo. Finalmente, indicou que "tamén sería importante que os candidatos a reitor expresen se están dispostos a traballar nesa liña".

Recoñecemento e apoio á cidade
Sánchez Bugallo tamén se referiu á súa recente visita a Bruxelas no marco do programa Santiago-Une. "É un privilexio representar a unha cidade que ten tanto respaldo como Santiago", apuntou en referencia aos "apoios e recoñecementos" recibidos nesta viaxe.

De exitosa cualificou tamén, pola súa capacidade de convocatoria, a conferencia que deu en Madrid o xoves 25 en Madrid. Destacou a presenza na mesma do vicepresidente do Goberno, de tres ministros e dos presidentes da Confederación de Española de Organizacións Empresariais e do Consello Superior de Cámaras de Comercio.

Este conferencia foi presentada polo ministro de Fomento, José Blanco. Segundo anunciou o alcalde, este viaxará a Santiago o 17 de abril para facer un anuncio "moi positivo" para a cidade.

Operativo de seguridade do Ano Santo
Outro dos temas aos que se referiu Sánchez Bugallo foi á posta en marcha dos máximos niveis de seguridade a partir deste venres 26 de marzo e dos controis de acceso á Catedral o 1 de abril. O órgano de coordinación de seguridade do Xacobeo reunirase o martes 30 para avaliar todas estas medidas que arrincarán con motivo da Semana Santa. Unha delas, recordou, será o reforzo con máis de 170 policías nacionais, co que serán uns 500 os que estarán na cidade nestas datas.

Compartir: