TRANSPORTES

Os composteláns disporán de cen bicicletas a partir do luns para desprazarse pola cidade

10/07/2008 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto oficial de apertura do servizo de aluguer de bicicletas, acompañado polo director do INEGA, entidade que colabora na iniciativa, Juan Álvarez Carril, e o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves. O escenario foi a Estación de Autobuses, onde se situará o punto principal de recollida das tarxetas necesarias para facer efectivo o uso destes vehículos ecolóxicos.

Durante o acto, o rexedor compostelán salientou a importancia da iniciativa, xa que permite empregar un modo de desprazamento non contaminante e ademais barato. A intención do concello, como remarcou Sánchez Bugallo, é implementar o programa e, en función do éxito, poder duplicar para o ano que vén o número de bicicletas a diposición dos usuarios. Así mesmo, manifestou a intención do goberno municipal de reducir ata o necesario a velocidade máxima de circulación dos automóbiles de feito que sexa posible a convivencia entre a bicicleta e os coches.

En total serán 7 os puntos de préstamo das bicicletas: estación de autobuses, multiusos Fontes do Sar, complexo deportivo de Santa Isabel, praza Roxa (parque de Ramírez), Área Central, Campus Sur (campo de Hockey) e Campus Norte (residencia universitaria). Funcionarán en horario de 8.00 a 22.00 horas no verán e de 9.00 a 18.00, no inverno. Será a partir do vindeiro luns cando se comecen a alugar as bicicletas, ata entón o servizo será probado polo personal de Tussa para verificar o correcto funcionamento de todas as estación.

Todos os interesados na contratación do servizo deberán darse de alta como usuarios aportando os seguintes documentos: a folla de inscrición debidamente cumprimentada; o formulario de fianza, (que será de 150 euros pero que non se fará efectiva, senón que, no caso de ser necesario, se cobrará a través do número de conta que cada usuario facilita), e a fotocopia do DNI. As solicitudes poderán efectuarse a través da páxina web que se publicitará no seu momento ou ben na oficina situada na estación de autobuses. Unha vez formalizada a inscrición, facilitaraselle ao usuario unha tarxeta identificativa de acceso ao servizo.

Poñeranse á venda dous tipos de tarxeta, unha de duración anual, para os que decidan utilizar o servizo de forma habitual, que custará 10 euros. Os cidadáns que queiran usar as bicicletas de xeito máis ocasional terán a oportunidade de facelo mediante a adquisición dunha tarxeta semanal de 5 euros.

Unha vez se é usuario de pleno dereito, as normas do servizo establecen que éste ten a obriga de utilizar a bicicleta para o transporte persoal, só no casco urbano, e de devolvela en perfecto estado, entre outros requerimentos. Entre os dereitos que se lle recoñecen ao usuario está o de dispor de vehículos en perfecto estado de uso e funcionamento. Cada persoa que obteña unha bicicleta disporá dun máximo dunha hora para o facer os desprazamento necesarios. Ao cabo deste tempo, o vehículo deberá depositarse nunha estación para cando se necesite, volver facer uso doutra bicicleta.

Toda a información está dispoñible na páxina web www.combici.com ou no teléfono 981 587 589.

Compartir: