OBRAS

A vindeira semana arrancará a terceira fase do lote 1 do plan de asfaltado, que afectará a 13 rúas da zona urbana

11/08/2022 O 20 de agosto comezarán as actuacións da terceira fase do "Lote 1 de pavimentos asfálticos" en zona urbana, que forman parte do mantemento de viarios municipais que está levando a cabo a concellaría de Barrios e Obras, en colaboración cos departamentos de Urbanismo e de Tráfico. Segundo explicou o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, actuarase sobre catro viais que suman 1.400 metros cadrados; cun investimento de 60.000 euros; o que da un custe de 42,85 euros por metro cadrado.

O concelleiro Javier Fernández deu conta esta mañá en rolda de prensa da terceira fase de melloras de asfaltado nos viais da zona urbana que o departamento de obras levará a cabo nas rúas do Campo e Santa Marta, rúa do Miñato, e rúa e a travesa do Moronzón a partir do sábado 20 de agosto. O edil explicou, que como xa se fixo na primeira e segunda fase, "realizaranse con asfalto en quente pero neste caso tamén actuaremos con rego asfáltico naquelas rúas que xa está en rego, facendo unha reposición do mesmo material", e puntualizou que "son obras que non van a afectar dunha maneira intensa ao tráfico".

O concelleiro de Obras recordou que "grazas á boa coordinación e planificación, estas actuacións estanse a facer todas no verán para evitar na medida posible as molestias á veciñanza". Ademais, amosou o seu compromiso para seguir respondendo ás necesidades na cidade que quedaron pendentes como é o caso das zonas da rúa agra do Vieiro, agro do Mozos, Salgueiriños…, "xa que os recursos son os que son". "Seguiremos traballando e planificando de cara o futuro pois só iso nos garantizará ir mellorando pouco a pouco a cidade", engadiu.

Primeira e segunda fase
Na primeira fase actuouse sobre 18 rúas, 6 máis das 12 que inicialmente estaban previstas, nas que se levou a cabo pequenos traballos de rebacheo. Nesta fase leváronse a cabo labores de reparación nos seguintes viarios: rúa da Volta do Castro, rúa da Choupana, rúa de Santa Marta de Arriba, rúa Maruxa Mallo, rúa Antonio Rama Seoane, travesa da Choupana, rúa da Cantaleta, cruce CEIP Quiroga Palacios, avda. Mestre Mateo, avda. Bilbao, rúa do Restollal, rúa de Touro, entrada igrexa de Santa Marta, rúa de Manuel Calero Quintáns, avenida de Barcelona, pontes nas rúas Monte do Seixo e Volta do Castro de Abaixo e rúa Suarribas.

Na segunda fase, tamén finalizada, realizaronse actuacións no asfaltado de 13 viais: avenida Romero Donallo, rúa de Ramón Cabanillas, rúa de Santiago de Guayaquil, cruce Rúa Doutor Teixeiro con Rúa Ponte Castro, rúa Lisboa, rúa Monte dos Postes, rúa Manuel María, rúa Irmandiños, rúa Camiño Chan de Curros, rúa Queixume dos Pinos, rúa Xosé Chao Rego, rotonda con Rúa Follas Novas e rúa Vento Mareiro

O total de orzamento asignado ás tres fases do "Lote 1-Pavimentos Asfálticos" é de 399.999,99 euros, dos cales 333.050,29 euros foron destinados á primeira e segunda actuacións xa finalizadas que cubriron un total de 31 calzadas. Esta terceira fase contará cunha partida de 60.000 euros.

Compartir: