XUNTA DE GOBERNO

Unha sentenza declara ilegal o uso turístico dunha vivienda do casco histórico que non conta con autorización municipal

08/08/2022 A Xunta de Goberno celebrada esta mañá deu conta da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Galicia (TSXG) número 169/2022 do 8 de abril, pola que se estima o recurso de apelación interposto polo Concello de Santiago, declarándose ilegal e ilegalizable unha vivenda de uso turístico situada na cidade histórica e ordenando, ademais, o seu peche baixo apercibimento de execución forzosa.

A sentenza, faborable os intereses municipais, é firme e non susceptible de recurso. Nela o TSXG marca unha clara distinción entre as habilitacións autonómicas e as municipais para o exercicio desta actividade. Deste xeito, a declaración responsable autonómica prevista no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia, non é suficiente para a apertura dun piso turístico, sendo preciso ademais, a correspondente autorización municipal en forma de comunicación previa.

Ademais, a sentenza contén un pronunciamento da máxima relevancia, ao considerar que o uso turístico non pode asimilarse ao uso de vivenda, senón ao uso hoteleiro, polo que xa dende a aprobación do PE-1 (24 de marzo de 1997), o dito uso era incompatible co de vivenda, agás en edificación exclusiva.

Outros acordos
Na reunión do executivo municipal tamén se tomou coñecemento da sinatura dos convenios entre o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela, por importe de 10.000 euros, para o financiamento do "Programa de Atención Bucodental a Persoas en Risco de Exclusión Social"; e do asinado co Colexio de Avogados de Santiago pola contía de 2.000 euros para o financiamento do programa "Servizo de quenda de letrados/as en Dereito Administrativo e Laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía previa administrativa e laboral".

Compartir: