EIXO ATLÁNTICO

A Alameda acolle esta fin de semana unha feira para degustar e mercar produtos tradicionais de Galicia e Norte de Portugal

01/07/2022 A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico chega ao Parque da Alameda de Santiago os días 1, 2 e 3 de xullo, coa presenza de 15 produtores de Galicia e Norte de Portugal e dous artesáns de Galicia que promoverán e venderán os seus produtos ata o próximo domingo. O alcalde de Santiago asitiu esta mañá no emblemático parque compostelán ao acto de inauguración que tamén contou coa presenza do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; así como outros membros da Corporación municipal.

A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal, celébrase desde hai unha década en cidades que pertencen ao Eixo Atlántico, dentro do ámbito do programa de actividades para a promoción e venda de produtos tradicionais galegos e portugueses da entidade transfronteiriza. Este evento lévase a cabo desde os seus inicios en colaboración co Concello do Barco, e neste 2022 tamén coa colaboración do concello de Santiago pola celebración da mesma na capital de Galicia.

Todos os produtos que se poderán atopar na feira son de marcado carácter tradicional, teñen unha alta calidade e contan con garantía de orixe, e poderán degustarse e mercarse en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h durante os tres días de feira.

O acto inaugural da feira levouse a cabo esta mañá coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

O alcalde do Barco, Alfredo García, salientou que "a feira é unha oportunidade para apoiar aos produtores locais, galegos e portugueses, e atopar alimentos que na maior parte están fóra dos circuítos de venta en grandes superficies polas súas características e os seus pequenos volumes de produción".

Degustación de produtos tradicionais

Entre os produtos que se poderán degustar no Parque da Alameda, pódese atopar mel ecolóxica do Invernadoiro, queixo artesanal da comarca da Limia, aceite de Tras-os-montes, setas shiitake ecolóxicas do Macizo central ourensán, cervexa artesá de Compostela, viño galego do ribeiro ou portugués de Mirandela, marmeladas con selo coruñés elaboradas de forma tradicional, castañas da Cabeza Grande de Manzaneda, e moitos produtos máis que poderá coñecer e degustar o público asistente á feira. Tamén atoparemos outros produtos de pastalería, como natas e doces tradicionais portugueses, ou bicas de castañas do oriente ourensán, e outros como licores variados de Valdeorras, cosmética natural de Cea ou conservas das rías baixas que recollen nomes dos diferentes camiños de Santiago.

En horario de mañá e tarde, ás 12.00 e ás 18.00 horas, a feira contará tamén con dous obradoiros gratuítos impartidos polos artesáns con postos de Artesanía de Galicia na feira, tanto para público pequeno como adulto. Para apuntarse nos obradoiros, as persoas interesadas poderán facelo no propio stand de cada artesán durante os días da feira tendo en conta que o aforo é limitado.

Tamén haberá catas-degustación gratuítas de produtos tanto pola mañá como pola tarde, ás que o público pode apuntarse na propia feira.

Produtores participantes na Feira

Ao longo da fin de semana, participarán na Feira os seguintes produtores e artesáns:

ADEGAS CELME – Viño – DO Ribeiro – Castrelo de Miño (Ourense)
AMARELANTE SCG. - Castañas – Manzaneda (Ourense)
AS CAMPOSEIRAS – Marmeladas – A Coruña
BARBUDOS COOP. – Licores – O Barco (Ourense)
BIQUINHO DOCE – Pastalaría – Chaves (Portugal)
CASAL DA FRADISSA – Viño e Azeite – Mirandela (Portugal)
GARCÍA MARCOS – Embutidos – Viana do Bolo (Ourense)
LOS SABORES DEL CAMINO – Conservas – Vigo (Pontevedra)
O TÍO MIGUEL – Mel –O Barco (Ourense)
MEIGA – Cervexa Artesá – Poio (Pontevedra)
NELA BIOSENSE & NELA GOURMET – Marmeladas e xabróns – Cea (Ourense)
OLIVADORO - Azeite – Tras-os-montes (Portugal)
QUEIXERÍA GAIA – Queixo de Cabra –Xinzo de Limia (Ourense)
SHIITAKE TRIVES– Cogomelos –A Pobra de Trives (Ourense)
SOVORAL – Mel e Produtos con Mel – O Invernadoiro (Ourense)

ARTESANÍA ENXEBRE – Artesanía de Galicia – O Barco (Ourense)
DEICA CREACIÓNS – Artesanía de Galicia – Santiago de Compostela (A Coruña)

Compartir: