TURISMO

Renovado o acordo entre Turismo de Santiago, Renfe e Hostalaría Compostela

20/01/2022 En virtude deste convenio de colaboración, as tres entidades levarán a cabo de forma conxunta diversas accións de marketing e comercialización para potenciar a cidade e as viaxes en tren.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o director da Área de Negocio de Alta Velocidade de Renfe, Francisco Arteaga; e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, suscribiron este xoves, no marco de FITUR 2022, un novo acordo de colaboración para promocionar conxuntamente Santiago de Compostela e as viaxes en tren ata a capital galega.

O obxectivo é realizar diversas accións de marketing e comercialización para desenvolver no marco desta colaboración conxunta, potenciando, así, o posicionamento tanto de Santiago como destino turístico como de Renfe Viaxeiros, como operadora de servizos de ferrocarril. Ademais, grazas ao acordo preténdense fomentar as viaxes en tren á cidade dende os principais mercados turísticos.

Así, Renfe ofrecerá a todos os asistentes e expositores de todas as actividades levadas a cabo para a promoción de turismo de congresos, ou outros eventos en xeral que se celebren ou organicen en Santiago (previa presentación nos seus puntos de venda autorizados da "Autorización de desconto" ou en www.renfe.com) un billete nos trens cun 5% de desconto sobre a tarifa aberta ao público e no momento da compra, en calqueira das opcións dispoñibles (Básico, Elixe e Elixe Confort), e a posibilidade de ampliar dito desconto ao 10% en datas de temporada val.

As condicións pactadas no presente Acordo de Colaboración, que estará en vigor ata o 31 de decembro do 2022, serán para os trens Ave e Longa Distancia. Esta oferta é válida para congresos e eventos que reúnan a máis de 75 persoas que utilicen o tren nos seus desprazamentos.

Escapadas
Renfe, ademais, aplicará unha redución non inferior ao 10% sobre o prezo de referencia no importe dos seus billetes, a todo viaxeiro que contrate a través de empresas de receptivo designadas por Turismo de Santiago e a Asociación de Hostelería de Compostela, as súas escapadas temáticas ou de turismo MICE.

Turismo de Santiago, a Asociación Hostalaría Compostela ou calquera institución que organice un congreso ou evento nas instalacións de Santiago de Compostela (Organizadores Profesionais de Congresos, Axencias de organización de eventos corporativos, Axencias de Viaxe…) poderán ofrecer aos asistentes e expositores estes descontos especiais nos billetes de Renfe.

Compartir: