TURISMO

Santiago recibe en Fitur o Premio Sicted polo 20 aniversario da súa adhesión

20/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo recolleu este xoves en FITUR o diploma que acredita os 20 anos da adhesión de Turismo de Santiago ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos. O acto contou coa presenza de Fernando Valdés, secretario de Estado de Turismo, e Alfonso Rodríguez Badal, presidente da Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias.

Cabe salientar que Turismo de Santiago traballou en 2021 con 130 empresas de 18 diferentes subsectores turísticos da cidade, 28 entidades máis que en 2020, e con 3 subsectores novos. Como resultado deste labor, propuxéronse ao Comité de Distinción da Secretaría de Estado de Turismo 108 candidatos para recibir á distinción de calidade de SICTED, 24 máis que en 2020. Estes datos amosan que o sector turístico de Santiago está a facer un esforzo moi importante para manter os niveis de calidade.

Ademais, Santiago foi o ano pasado a cidade galega con mellores resultados e repite o segundo lugar como destino de España con maior número de distincións "Preparados Covid-19", con 94. Trátase dunha distinción que garante o estrito cumprimento das Boas Prácticas Avanzadas do SICTED para a redución do risco de contaxio no sector turístico.

Nesta mesma xornada, Turismo de Santiago, a Asociación Hostalaría Compostela e Renfe reforzarán a súa estratexia de colaboración renovando, un ano máis, o seu convenio de colaboración, co obxectivo de aumentar o número de turistas que chegan a Santiago en tren, máis agora coa chegada do AVE a Galicia. O acordo, que se asinou por primeira vez en 2016, contempla, entre outras actividades: accións de comunicación conxunta, colaboración en viaxes de prensa, intercambio de soportes de promoción e difusión, colaboración en accións de marketing, participación en campañas de promoción turística conxunta, entre outras medidas.

Cidades Patrimonio

Noutra orde de cousas e para pechar a axenda de Santiago en FITUR, mañá, o Grupo de Cidades Patrimonio presentará a súa oferta na Feira, acto que contará coa presenza do alcalde compostelán, que vén de ser nomeado vicepresidente segundo da entidade e presidente da Comisión de Educación, Cultura e Deporte. Primeiro, terá lugar a Asamblea do Grupo e despois a presentación do seu Plan de Acción conxunto con Turespaña.

Compartir: