POLÍTICAS SOCIAIS

José Manuel Pichel destaca o gran labor social e de inclusión que realiza Special Olympics, durante a gala de entrega de medallas e trofeos da entidade

27/11/2021 O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, destacou hoxe o gran labor social que realiza a entidade Special Olympics Galicia, presidida por Eladio Fernández. Foi na "Gala de entrega das medallas e dos trofeos da liga de fútbol sala e baloncesto da liga Special Olympics Galicia.

O principal obxectivo de Special Olymplics é a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte. O deporte é unha práctica vital para o fomento da integración, e unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a súa participación na vida social e comunitaria. Na súa intervención, José Manuel Pichel, sinalou que "se queremos unha sociedade máis xusta, máis equitativa, e mais igualitaria é preciso mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. O deporte, o ocio e a cultura, son tres das ferramentas coas que contamos nese avance cara a vosa inclusión social; ferramentas que destacan as vosas potencialidades, a vosa calidade humana, e a vosa perseverancia".

Durante o acto José Manuel Pichel recolleu, en nome do concello de Santiago, unha figura, en agradecemento ao poio prestado ao colectivo. Tamén a recibiron outras entidades, entre elas a Delegación do Goberno en Galicia, representada pola subdelegada María Rivas; ou a Deputación da Coruña. Tamén foi distinguido, coa medalla Special Olympics Galicia 2021, Ildefonso de la Campa Montenegro; director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia. A gala, na que tamén tivo un recoñecemento especial o voluntariado que traballa cos deportistas de Special Olympics, rematará cun xantar conxunto de todos os premiados e dos representantes das distintas asociacións que integran a entidade.

Special Olympics Galicia
Special Olympics Galicia é unha asociación que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado. Neste momento conta con 27 entidades socias, que participan periódicamente nas actividades deportivas, formativas e culturais que organizan. A súa filosofía defende que as persoas con discapacidade intelectual, só son distintas na expresión das súas necesidades e intereses.

O seu obxectivo é fomentar as capacidades personais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e autoestima da persoa con discapacidade intelectual.

Ao longo de todo o ano, desenvolven un programa deportivo que inclúe múltiples disciplinas: dende fútbol sala, baloncesto, natación, maratón urbano, campo a través... pasando por deportes minoritarios, todos eles adaptados sempre ás necesidades de cada persoa.

A filosofía que siguen é que o deporte debe adaptarse a cada atleta, y non o atleta ao deporte. A maioría destas actividades deportivas organízanse en diferentes localidades galegas (aproximadamente, celébrase un campionato ao mes), pero puntualmente tamén participan en actividades de carácter nacional e incluso internacional.

Compartir: