MOCIDADE

A mocidade de Compostela pode desfrutar de balde, ata o 17 de decembro, de Noites Alternas, un programa que busca xerar dinámicas saudables e construtivas entre a xuventude

22/09/2021 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, presentou hoxe o programa Noites Alternas, unha iniciativa de lecer nocturno alternativo destinada á mocidade que ten como obxectivos establecer relacións persoais saudables e construtivas, apoiar a prevención de hábitos de consumo de alcol e drogas e xerar dinámicas críticas, participativas e creativas que poidan reverte en beneficios da xuventude e da sociedade en xeral.

O programa, que se desenvolverá todas as noites dos xoves e venres, do 23 de setembro o 17 de decembro, inclúe unha gran variedade de actividades espalladas pola cidade nas noites dos xoves e venres, sempre en horario nocturno, que abarca das oito da tarde, ata as doce da madrugada. Explicounas máis polo miúdo Adrián Rei, da asociación cultural e xuvenil, Itaca, que organiza as distintas accións xunto ao Concello de Santiago, a través do departamento de Mocidade; coa colaboración de Xandobela.

Dinámicas de grupo, xogos, roteiros, obradoiros ou teatro configuran unha programación que comezará mañá xoves, 23 de setembro, con Cavort Teatro, que representará "Balvordo", no Centro Xove da Almáciga; e "Obradoiro de creación feminista" no local de Itaca. E o venres, 24 de setembro, Obradoiros de circo na nave da Asociación CircoNove; e Obradoiro de cociña, nas Braás de Andrés. Todas estas actividades comezarán ás 20:30 h. Toda a información sobre Noites Alternas, así como as actividades programadas, pódense consultar na páxina http://itaca.gal/actividades/puntuais/boas-noites

Todas as accións programadas son de balde. As inscricións faranse semanalmente enchendo o formulario en liña dispoñible en itaca.gal e nas redes sociais, desde o luns anterior, ás 09:00 h. Como as prazas son reducidas, asignaranse por orde de inscrición.

Para que os contidos ofrecidos por Noites Alternas se adecuasen a demanda da xuventude, convocouse un convite para que as persoas e entidades interesadas puidesen presentar as súas propostas de actividades. Presentáronse 80, sengundo informou Adrián Rei. Tanto o representante de Itaca, como o concelleiro Rubén Prol, esperan que esta edición teña tan boa acollida como as anteriores, e convidan a toda a xuventude a participar neste programa de lecer nocturno.

Documentos relacionados



Compartir: