ACCIÓN CULTURAL

O Festival C espalla a súa programación cultural pola cidade e colma de actividades o mes de agosto

28/07/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa cultural do mes de agosto. A casa do Concello acolleu a presentación da segunda edición do Festival C, que este ano supera o medio cento de espectáculos con funcións de teatro e danza, obradoiros de circo, proxeccións de cinema na rúa, itinerarios e laboratorios de creación sonora, concertos, exposicións, recitais de poesía, conversas, debates e videomappings.

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o programa esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade. Alén do Teatro Principal e as salas de concertos e exposicións do Auditorio, as actividades aproveitan a riqueza paisaxística de Compostela e espállanse polas prazas e rúas do casco histórico e os parques da Alameda, Bonaval, Galeras, ou Vista Alegre para que poidamos gozar do verán en Santiago.

A programación cultural do Festival C abeira un extenso abano de disciplinas artísticas e propostas para todos os públicos. Espectáculos teatrais da man da compañía galega Amodoros Producións e a donostiarra Trapu Zaharra; a danza de reputadas formacións da contorna estatal e galega como Funboa Escénica, Marta Alonso, Pisando Ovos, Vella Esscola, Elahood ou LASALA, esta última dentro do circuíto Danza a Escena do INAEM do Ministerio de Cultura; e os malabares, acrobacias e risos que nos garanten a Cía Bergamotto, Chicharrón Circo Flamenco, Cía Hotel Iocandi, Circonove e Los Galindos, encherán as noitiñas do verán a partir das 20 horas. (O espectáculo de Los Galindos, dirixido a público adulto, será ás 21.00 h)

Na mesma franxa horaria topamos propostas para amantes do cinema e a literatura. Co apoio do Instituto Cultural Rumano, o ciclo Cinema na rúa levará ao paseo central da Alameda compostelá unha selección de filmes da cinematografía romanesa que inclúe obras de Toma Enache, Nicolae Mărgineanu, Cristi Puiu, Radu Jude e Liviu Săndulescu.

Os mércores ás 20 horas, as sesións de Poemas no Estío encherán de versos, conversas e música espazos como o paseo da Ferradura, a Zona C en Cervantes, ou o paseo central da Alameda, grazas ás composicións e a palabra de Luz Pichel e Elvira Ribero, Anxo Angueira e Secho, e Helena Salgueiro e Verónica Moar.

As mañás e as primeiras horas da tarde gardan especial lugar para a rapazada. Todos os martes de agosto a partir das 18 horas, os Contos no Parque do programa APEGO virarán a plataforma dos arcos do parque Bonaval nun espazo para imaxinar e gozar da narración oral en lingua galega. Inacio Vilariño, Pérez & Fernández, Soraya Lema, Magín Blanco e Teatro Ghazafellos conducen contos e propostas para nenas e nenos a partir de 3 anos de idade. Para participar desta actividade é necesario reservar praza. As solicitudes de inscrición deben ser formuladas en reservas.gal dende o xoves anterior a cada cita.

Os mércores pola mañá, das 11.30 h ás 13.30 h, a compañía Circonove impartirá no exterior do Centro Xove da Almáciga un obradoiro que busca introducir a rapaces e rapazas nas diferentes técnicas circenses: acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e creación de xoguetes para nenas e nenos de 6 a 14 anos. Tamén poden inscribirse menores de 6 anos sempre e cando vaian na compaña dunha persoa adulta. Cada un dos obradoiros admite un máximo de 25 participantes. Poden reservar en circonoveoficina@gmail.com indicando o nome da ou do asistente, idade, datos da persoa responsable e teléfono de contacto.

Volvendo ao público adulto, dúas iniciativas arredor do son e a música concentran un cuantioso número de propostas para as tardes de agosto. A residencia colectiva Colapsoloxías continúa a súa andadura ao longo do mes ao abeiro do Festival C con diversas actividades cara á experimentación sonora. Entre elas, topamos escoitas circulares da man do colectivo inglés Avon Terror Corps, do centro creativo Phonos, ou de creadores como Yago Portela Seijo e Manuel Prieto Álvarez; paseos para descubrir o ritmo dos insectos e o son dos quirópteros coa bióloga Cristina Fuentes e o grupo Sorex; e concertos e Dj sets, por conta de Ángel Faraldo, Chago e Pablo Barreiro, Ben Bertrand, Ben Vince, o combo EP/64, Colaxes Sonoras, Tropa Macana, Chapa e Ázido Folklórico, que ateigan a axenda desta iniciativa promovida polo Colectivo Colapso.

Por outra banda, a difusión e a celebración do patrimonio organístico de Compostela volven á programación estival grazas ao ciclo De Lugares e Órganos. Do 24 ao 3 de setembro, concertos, e encontros con especialistas e grandes organistas como Corina Marti, Marco Aurélio Brescia, Diana Baroni, o Grupo 1500, Rafael Guel, María José Cerviño e Fernando Buide, acompáñanse de visitas guiadas aos principais órganos da cidade e proxeccións de cinema na Sala Numax.

A programación do Festival C complétase con dúas actividades que teñen como sede a Zona C. Punto de Información Cultural. A fachada da antiga Casa do Concello, ubicada na confluencia da rúa Preguntoiro e a praza de Cervantes, será o lenzo sobre o que o videoartista Roi Fernández percorrerá, a través de diferentes composicións abstractas, a pegada do edificio ao longo dos séculos. As proxeccións de videomapping terán lugar do mércores 4 ao domingo 8 de agosto ás 23 horas.

Finalmente, o espazo expositivo do seu interior acollerá a partir do día 4 de agosto e durante o mes de setembro a mostra Ruxe Ruxe 1996 -2021: 25 anos de Universo Gráfico, unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical da banda máis lonxeva de Compostela. Pezas de artistas composteláns como Javier Iglesias, Pachu M. Torres, Xulio Cé "Arinspunk", Miguel Duarte, e tamén doutros grandes como o Grupo Revisión con Pepe Barro á fronte, Carlos Azagra (El Jueves), Diego Pérez "Diebujitos", Laura Romero ou Raio Díaz (Caramuxo) toman parte nesta exposición que dá conta da historia gráfica dos Ruxe Ruxe.

Reserva de entradas
Todos os eventos son de balde previa retirada de convites en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Estarán dispoñibles as entradas para todo o mes a partir de mañá, xoves 29 de xullo, ás 10.00 h na web compostelacultura.gale na Zona C no seu horario habitual (de 11 a 14 h e de 16 a 19.00 h, domingos só de 11 a 14 h e luns pechado. O horario no mes de agosto será de martes a sábado de 11 a 14 h). No caso de que as entradas non se esgoten antes de cada evento, repartiranse desde media hora antes do seu inicio no mesmo lugar de celebración.

Para o ciclo Contos no Parque do programa APEGO, cómpre realizar solicitude de inscrición en reservas.gal dende o xoves anterior a cada unha das citas. Os Obradoiros no parque con Circonove esixen realizar reserva previa en circonoveoficina@gmail.com indicando o nome da nena ou neno asistente, idade, datos da persoa responsable e teléfono de contacto.

Compartir: