TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en EEUU e Canadá de cara á recuperación do turismo

05/03/2021 Turismo de Santiago participou onte nunha xornada de promoción da European Tourism Organizations Association dirixida específicamente a EEUU e Canadá, dous mercados cun alto gasto por turista e que estaban vivindo un crecemento moi importante na cidade nos últimos anos antes da crise do Covid-19.

En 2019 Europa foi o destino preferido entre os residentes de EEUU con intención de viaxar. Os países con máis intención de ser visitados eran: Francia, Italia, Alemaña, Reino Unido, España, Grecia e Irlanda.

Nas súas viaxes a destinos europeos, os norteamericanos buscaban unha viaxe activa máis que de relaxación, con experiencias que involucren paisaxes icónicas, aprender sobre cultura e historia, actividades de recarga de enerxía e con interacción con xente local. Neste sentido, Santiago é un destino que encaixa co que demanda este tipo de turista de alto poder adquisitivo.

Segundo unha enquisa elaborada pola United States Tour Operators Association en agosto do ano pasado aos seus membros, máis dun 35% anticipaban reanudar as viaxes a Europa no primeiro ou segundo trimestre deste ano. Na xornada de onte retrasaban esta previsión ata finais do 2021 debido á evolución da pandemia. Sen embargo, os profesionais participantes destacaron o interese que existe en viaxar tan pronto se levanten as restricións á mobilidade.

Segundo as previsións que se amosaron na xornada, a medida que os destinos comecen a normalizarse, as viaxes que poderán recuperarse antes serán os de grupos pequenos, con menos de 20 persoas, seguido de viaxes de natureza e aventura. Despois virían as viaxes de luxo e os grupos medianos de entre 20 e 50 persoas.
Finalmente, recuperaranse os grupos grandes de máis de 50 persoas.
Ademais, as previsións indican que os segmentos de turistas norteamericanos que viaxarán antes ao estranxeiro son os milennials, os viaxeiros experimentados e os de alto nivel económico.

Compartir: