DEPORTES

Recepción a Ruth Lorenzo, bronce en kumite na Liga Nacional de kárate; e Estrella López, terceira no campionato europeo de iudo

14/01/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a Ruth Lorenzo Couso, bronce en kumite na Fase Final de la Liga Nacional de kárate 2020; e a Estrella López Sheriff, bronce no campionato europeo de iudo celebrado en Praga en novembro de 2020.

A compostelá Ruth Lorenzo Couso adestra co club San Francisco Teo. Aparte do bronce en kumite, no seu palmarés destaca o segundo posto acadado en xaneiro de 2019 en Leganés, onde se proclamou subcampioa de España de kárate na categoría de -55 quilos. Estrella López Sheriff, conta con 10 medallas internacionais. Foi campioa de España, acadando o Ouro Junior e o Ouro Senior. Formouse en psicoloxía e psicoloxía deportiva e, ademais de competir profesionalmente, é profesora de iudo.

Ao final da recepción, a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, sinalou que con este acto, refórzase un dos obxectivos do seu departamento, "é dar visibilidade aos deportes minoritarios"; e engadiu que "nun momento tan importante de pandemia, haxa deportistas que sigan loitando polas súas ilusións e obxectivos, creo que é algo moi grandioso". Estrella López agradeceu "este recoñecemento ao deporte individual, ao deporte feminino", igual que Ruth Lorenzo, quen destacou que "o traballo do deportista é un traballo bastante invisible" e este tipo de actos danlle visiblidade ao deporte minoritario. Permiten, finalizou, que a cidadanía coñeza os triunfos acadados e "poñen á federación e aos deportistas do noso colectivo á vista dos demáis, o que se agradece moito".

Ademáis do alcalde e da concelleira de Deportes, na recepción tamén estaban presentes distintos membros da Corporación Municipal: José Antonio Constenla, do PP; Jorge Duarte, de Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín.

Compartir: