MEDIO AMBIENTE E MOBILIDADE

O Concello establece restricións de acceso ao cemiterio de Boisaca para a festividade de Todos os Santos e o Día de Defuntos

22/10/2020 A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, deron conta hoxe en rolda de prensa do protocolo a seguir no acceso ao cemiterio municipal de Boisaca nas festividades de Todos os Santos e o Día de defuntos.

Estas celebracións xeran unha gran afluencia de visitantes no recinto do cemiterio municipal de Boisaca, e, como indicou a concelleira encargada de Servizos, "na actual situación de crisis sanitaria, esta confluencia de persoas de distintos grupos familiares nos que destaca a importante presencia de persoas vulnerables, pode supoñer un aumento do risco de transmisión da Covid-19". Por este motivo, "desde o Concello nos vemos na obriga de establecer un protocolo cunha serie de medidas sanitarias, que estarán vixentes, con carácter xeral, durante os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro de 2020".

Medidas preventivas de carácter xeral
- Tanto os visitantes como os traballadores e traballadoras do cemiterio garantirán o mantemento da distancia interpersoal de seguridade de 1,5 metros entre persoas que non sexan do mesmo grupo familiar. Para isto, todo o persoal circulará polo lado dereito dos camiños e sendas.

- O uso da máscara (sen válvula exhalatoria) é obrigatorio, salvo nos supostos de excepción expresamente contemplados na normativa.

Medidas preventivas específicas
- Os grupos de familiares convivintes non superarán o máximo de 5 persoas.

- A estancia máxima dentro do recinto será de 30 minutos por persoa. Non obstante, Mila Castro solicitou á cidadanía que permaneza só o tempo imprescindible.

- A capela do cemiterio, para evitar posibles aglomeracións, permanecerá pechada durante os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro de 2020.

- Nos aseos limitarase o aforo a un único usuario por aseo.

- Levarase a cabo un control no acceso ao recinto.

- Os visitantes procurarán non compartir material e/ou ferramentas. No caso de facelo, empregarán xeles hidroalcohólicos desinfectantes, con efecto virucida, antes e despois de empregalos.

- Desaconséllase o uso das fontes.

Durante eses días, reforzaranse as tarefas de limpeza e desinfección das zonas de uso común e superficie de contacto frecuente, ben con solución de lixivia 1:50 recén preparada ou con desinfectantes con efecto virucida autorizados e rexistrado, e baleiraranse as papeleiras de forma frecuente. Para que a información sexa visible, colocaranse carteis informativos con todas estas medidas.

O horario de funcionamento do cemiterio será de 9:00 a 20:00 horas en horario continuado os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro.

Servizos de reforzo no transporte urbano
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, anunciou o reforzo da liña 1 do transporte urbano, que contará cunha frecuencia de paso de 16 minutos entre as 9:00 e as 20:00 os días 31 de outubro e 1 de novembro. O resto do día, a frecuencia será a dun día festivo (cada 30 minutos). A liña 1 atravesa a cidade desde o Hospital Clínico ata o cemiterio e fai paradas, ademais, nos seguintes puntos: Santa Marta, Rosalía de Castro, Senra, San Roque, Pastoriza e Salgueiriños.

Tamén se reforzará o servizo da Policía local, con seis axentes e un oficial, e contarase coa colaboración de Protección Civil. Gonzalo Muíños solicitou aos visitantes que atendan as indicacións dos axentes e que respecten as sinalizacións colocadas para facilitar o acceso e impedir o cruzamento entre persoas. Para isto, só sé poderá entrar ao recinto por unha das portas, de forma que a outra quede de saída. Así mesmo, realízaronse tarefas de desbroce da contorna e repintáronse as prazas de aparcamento.

Por último, o edil de Seguridade Cidadá pediu á veciñanza "que acuda paulatinamente" e, na medida do posible, que adiante a visita para non provocar aglomeracións e evitar así posibles contaxios.

Compartir: