PLENO

Aprobada unha moción conxunta dos catro grupos muncipais para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo

24/09/2020 En virtude da mesma, o Concello instará ás diferentes administración implicadas a abrir un novo procedemento xudicial para reclamarlle á familia Franco as esculturas de Abraham e Isaac. Tamén houbo unanimidade á hora de apoiar a proposición de non amparar a instalación dun vertedoiro no lugar de Corexo, na parroquia de Marrozos. Neste mesmo pleno tomou posesión coma concelleiro Rubén Prol.

O pleno comezou cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia de xénero. A continuación, Rubén Prol Mariño tomou posesión como concelleiro do grupo municipal socialista en substitución de Noa Díaz, que resultou elexida deputada autonómica nas pasadas eleccións ao Parlamento Galego.

Moción conxunta
Durante o pleno presentouse unha moción conxunta, dos catro grupos que conforman a Corporación muncipal, na que se insta ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña a abrir un novo procedemento xudicial, co apoio e colaboración do Concello de Santiago, de persoal investigador e de asociacións para a recuperación da memoria histórica; para reclamarlle á familia Franco as dúas esculturas do Mestre Mateo, de propiedade municipal, declaradas Ben de Interese Cultural, de cara á súa protección, difusión e recuperación para o patrimonio público. Téntase, con esta moción, proseguir o camiño aberto na recente sentenza sobre o pazo de Meirás, froito do traballo coordinado entre distintas administracións.

Tal e como expón o texto da moción, o Concello de Santiago ten inventariadas, logo da súa adquisición ao conde de Ximonde, dúas esculturas de arte románica pertencentes ao conxunto do Pórtico da Gloria, que figuraban en posesión da familia Franco na Casa de Cornide. Dúas estatuas esculpidas no obradoiro do Mestre Mateo, entre finais do século XII e comezos do XIII, que o Concello mercou ao conde de Ximonde, con sinatura da escritura de compravenda datada o 4 de xuño de 1948, coa condición de que non saísen da cidade e, durante un tempo, decoraron as escaleiras do Pazo de Raxoi, até que as levou a familia do ditador logo dunha visita a Santiago de Compostela.

Tamén houbo unanimidade na proposición presentada por Compostela Aberta de non amparar a instalacion dun vertedoiro no lugar de Corexo, na parroquia de Marrozos, emendada polo Grupo Popular. Na proposición, entre outros puntos, ínstase á Xunta de Galicia a considerar as modificación da Lei do Solo para asegurear que os centros de tratamento de residuos industriais se localicen preferentemente en solos industriais, consonte aos criterios que para este tipo de instalacións determina o Plan de Residuos Industriais de Galicia. Tamén se declara o non amparo político do Pleno do Concello das agresións ambientais e sociais e da implantación de usos inadecuados en terreos rústicos de especial protección agrícola, especialmente nas proximidades de núcleos rurais poboados.

Por último, os grupos municipais manfiestan o seu apoio á veciñanza de Corexo na oposición ao vertedoiro. O pasado 4 de setembro, a empresa promotora deste proxecto solicitaba o desestimento do procedemento de concesión da licenza; renunciando a esta planta de transferencia de residuos construtivos.

Tamén se se deu o visto bó á solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental da Modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9/10 Estrada de Vigo -Chouchiños, un trámite necesario para a modificación puntual do Plan Xeral, co obxecto principal de executar a sentenza 274/2014, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta sentenza anula as determinacións do vixente plan xeral no que atinxe á clasificación dos terreos propiedade do recurrente, declarando a súa condición de sólo urbano consolidado, e a súa conseguinte exclusión do sólo urbanizable SUD 9/10. Con esta modificación, tamén se corrixe o trazado do Camiño Portugués incorporado pola Xunta en 2014, distinto do previsto no PXOM e que afecta ao citado sector.

Documentos relacionados



Compartir: