ALCALDÍA

Santiago, Teo e Arzúa homenaxearon a Ánxel Casal no 83 aniversario do seu asasinato

19/08/2019 A alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón, participou hoxe na homenaxe a Ánxel Casal realizada polos concellos de Santiago, Teo e Arzúa con motivo do 83 aniversario do seu asasinato. Rosón destacou a importancia do acto pola "importancia da súa figura na historia de Galicia e pola pegada que deixou na memoria colectiva do pobo galego". Ánxel Casal, engadiu, "é unha referencia histórica viva, como modelo de tolerancia, como modelo progresista, como modelo humano, e como modelo de galeguidade".

Un 19 de agosto de 1936, o corpo sen vida do editor e alcalde de Santiago era atopado na Estivada da Ribeira, en Cacheiras, xunto ao de José Devesa Areosa. Nese mesmo lugar é onde hoxe se realizou a ofrenda floral e o acto institucional, no que interviñeron, entre outros, Xosé Luis Santos Cabana, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica A Oliveira; a concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela; o alcalde de Teo, Rafael Sisto; e Mercedes Rosón.

A alcaldesa en funcións e concelleira de Cultura destacou a figura e labor de Ánxel Casal, a nivel cultural, social e empresarial: "sen el, probablemente, non existirían todos os magníficos textos literarios, ilustracións e ensaios da xeración Nós. Sen el, Santiago sería unha cidade orfa a nivel político. E probablemente Galicia unha autonomía orfa de Estatuto". Segundo subliñou, "Ánxel Casal condensa na súa pegada a esencia da Xeración Nós; e ese espírito de vangardismo político e conciencia social da Segunda República, que o levou a ser alcalde de Santiago". Mercedes Rosón rematou sinalando que, a pesar da represión franquista, "a súa obra e a súa pegada continúan vivas na nosa historia, na nosa memoria e nos nosos corazóns".

Compartir: