PLENO

Aprobado o estudo de detalle para a rehabilitación dos grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela

17/01/2019 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, de forma definitiva, o estudo de detalle para a rehabilitación integral dos grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela, no barrio de Pontepedriña. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que "este trámite permitirá iniciar o procedemento para a instalación de ascensores nos edificios, máis dunha década despois da declaración da Área de Rehabilitación Integral do barrio".

A aprobación definitiva do estudo de detalle para a rehabilitación integral dos grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela foi posible tras a introdución dunha emenda do BNG ao texto, no que xa se atenderan boa parte das alegacións presentadas polos colectivos veciñais tras a aprobación definitiva do documento. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que "as propostas da veciñanza referíanse fundamentalmente á introdución de alternativas para flexibilizar a instalación dos ascensores, que inicialmente só se contemplaban no exterior dos edificios e que agora tamén se poderán localizar no seu interior sempre que se manteña a coherencia estilística".

Jorge Duarte explicou que os grupos de vivendas Cardeal Quiroga e Compostela "foron declarados Área de Rehabilitación Integral en 2008, pero sen o estudo de detalle que hoxe se aproba definitivamente non se podía tramitar ningún proxecto para a instalación de ascensores nin acceder a ningunha das axudas convocadas polo Goberno central con este fin". O estudo de detalle aféctalle a 39 de edificios das rúas Negreira, Padrón, Ordes, Samos, Palas de Rei, Somport, Portomarín, Canfranc e Sahagún, así como da praza de León.

Declaración institucional pola defensa dos dereitos das mulleres
No Pleno de hoxe aprobouse unha declaración institucional pola defensa dos dereitos das mulleres, o cumprimento e mellora do pacto de Estado en materia de violencia de xénero, a retirada da definición "violencia doméstica" do debate institucional e a incorporación do termo "feminicidio". O texto consensuado polos catro grupos municipais expresa o apoio da Corporación ás mobilizacións e reivindicacións do movemento feminista para non dar ningún paso atrás respecto á defensa dos dereitos das mulleres, esixir o cumprimento efectivo das medidas en materia de prevención, detección e atención integral fronte ás diferentes manifestacións da violencia machista, e condenar publicamente as declaracións institucionais das forzas políticas que substitúan o termo "violencia de xénero" por "violencia doméstica". Ademais, na declaración institucional ínstase ao Parlamento galego para que garanta a inclusión do termo "feminicidio" na lexislación galega en materia de violencia de xénero.

En relación á declaración institucional, no Pleno desta tarde interveu Pilar Estévez, en representación da Plataforma Feminista Galega. No seu discurso, agradeceu "a aprobación dun texto que reivindica o mesmo que milleiros de mulleres reivindicaron nas rúas hai só uns días: que non se dea nin un paso atrás fronte ao avance dunha extrema dereita que quere manternos na casa coa pata quebrada". Pilar Estévez lembrou que "case mil mulleres morreron vítimas da violencia machista desde 2003, e os grupos que irrompen na política autonómica e ameazan con estenderse a todo o Estado queren neutralizar os avances nas políticas da igualdade falando de protexer aos homes dunha violencia feminina que non existe".

Outras mocións
No Pleno de hoxe tamén interviron os veciños do Castiñeiriño Ángel Cerqueira e Manuel Carril, en relación coa moción presentada polo BNG para instar ao Goberno a vixiar as posibles afectacións da solicitude para a instalación dunha nova gasolineira no barrio. Os dous veciños expresaron o seu temor a que este negocio provoque problemas de ruído ou contaminación, así como a que dificulte a mobilidade na zona. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "o Concello estará vixiante para que se cumpran as condicións da licenza, e apuntou que a parcela na que se localizará a gasolineira ten a catalogación de solo rústico de especial protección de infraestruturas, a requirida para este tipo de instalacións". Tamén lembrou que a concesión da licenza non é unha decisión política, "xa que hai ata oito informes técnicos favorables do Concello, e varios informes técnicos favorables tamén da Xunta e de ADIF".

Tamén presentadas polo BNG, hoxe aprobáronse cadansúa moción para designar a intermodal de Santiago co nome de Daniel Castelao, e para instar á Xunta a atender as reivindicacións dos profesionais do servizo de Urxencias do Hospital Clínico que se atopan en situación de folga polos recortes e a falta de persoal e de recursos.

A Corporación deulle luz verde á moción presentada por Compostela Aberta para instar á Deputación da Coruña a modificar o proxecto de ensanche e mellora do trazado da estrada provincial Val do Dubra-Santiago, á altura da parroquia da Peregrina. O obxectivo da proposta é que a Deputación contemple o acondicionamento de beirarrúas no proxecto, "co obxectivo de mellorar a seguridade viaria".

Compartir: