ACCIÓN CULTURAL

Matarile Teatro celebra o seu 30º aniversario coa representación de tres dos seus espectáculos no Teatro Principal

08/02/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá na Casa do Concello xunto a Ana Vallés e Baltasar Patiño, de Matarile Teatro, a programación coa que a compañía celebrará en Santiago de Compostela o seu 30º aniversario. Será a través da representación no Teatro Principal de tres dos seus espectáculos: Teatro invisible, Staying alive e El cuello de la jirafa.

Matarile Teatro desenvolve dende Compostela un traballo ao redor do teatro e a danza na procura da experiencia contemporánea e dunha profesionalidade e rigor que lle permitiron traballar en varias ducias de países e acadar importantes e numerosos galardóns por parte de público e crítica. Será no Teatro Principal onde Matarile celebre os seus 30 anos repasando a súa longa traxectoria coa posta en escena de tres traballos.

A primeira cita será o martes 1 de marzo con Teatro invisible, para continuar o mércores 2 e o xoves 3 con dúas funcións de Staying alive, onde a directora Ana Vallés retoma os traballos de danza e corpo. O día 3, antes da función de Staying alive, poderase ver unha acción extraída de Hombres visagra, edición especial. Pechará Matarile o aniversario con El cuello de la jirafa os días 4 e 5 de marzo.

Teatro invisible
Teatro invisible é unha peza na que Ana Vallés se formula cuestións como ¿por que fai vostede teatro? ¿por que segue a facer teatro? e ¿por que fai teatro desa maneira?. Unha peza conversacional ao redor da utilidade do teatro. Ana responde recordando situacións e experiencias e citando filósofos e pensadores, contando con Baltasar Patiño como escenógrafo e axudante de dirección e convocando o público a un espazo diferente, o ambigú do teatro.

Staying alive
Con Staying alive (ou Seguimos vivos), do ano 2013, Matarile pon fin a tres anos de suspensión de actividade, coincidentes coa crise económica, para enfrontar ao público á arte e ao pensamento crítico sustentado na prosa poética e na expresividade dos corpos das actrices-bailarinas que, xunto ao público, deambularán entre palcos e galiñeiro do teatro. Previa á función do día 3 poderase ver unha acción extraída do espectáculo Hombres bisabra con electrónica en vivo.

El cuello de la jirafa
En El cuello de la jirafa, Matarile xoga coa innovación espacial ao dispoñer ao público no escenario como "voyeur" observador e crítico, un exemplo de teatro hiperpróximo. Na obra, o espectador percibe a pequenez e a fraxilidade da existencia. A presenza de Baltasar Patiño mesturando músicas en directo no escenario contribúe a que a obra sexa enérxica e vital.

Os tres espectáculos son adaptacións especificamente pensadas para o Principal, buscando que actores e espectadores conflúan no ambigú, no escenario ou nos palcos e o galiñeiro do teatro.

Entradas
As entradas están á venda nas billeteiras do Teatro Principal. O prezo da entrada simple para Teatro invisible e Staying alive é de 8 euros, mentres que o custo das funcións de El cuello de la jirafa é de 10 euros. Ponse a disposición do público un bono para dous espectáculos de 15 euros e un bono para os tres espectáculos de 20 euros, ademais dos descontos habituais. A acción de Hombres visagra será de entrada libre, pola compra do bono ou da entrada para a función de Staying alive do día 3.

As entradas están á venda no Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

Coloquio
Complétase a semana de aniversario con Ponencias perras, o sábado 5 de marzo, ás 11:30 horas, no anfiteatro, onde se reunirán Eduardo Pérez-Rasilla (crítico de teatro), Alfonso Becerra (dramaturgo e director de teatro), Antón Lopo (escritor, xornalista e actor) e Ana Vallés (directora de Matarile Teatro) para falar de apuntamentos irreverentes sobre a escena contemporánea. A entrada é libre até completar aforo.

Compartir: