ALCALDÍA

O alcalde reúnese co Foro Cívico para falar sobre as infraestruturas da cidade

27/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse esta tarde co Foro Cívico, a quen lle transmitiu a preocupación do Concello polas infraestruturas da cidade, claves para continuar mellorando as comunicacións na capital de Galicia.

O alcalde falou da estación intermodal e da importancia de reclamarlle a ADIF e á Xunta de Galicia unha maior coordinación no tocante aos proxectos. O Concello de Santiago avoga por unha verdadeira estación intermodal que conecte o Ensanche coa Pontepedriña e ofrécese para colaborar no que lle corresponda como administración local.

Martiño Noriega expuxo tamén ante o Foro Cívico a súa preocupación porque o Ministerio de Fomento licite as infraestruturas norte da cidade para mellorar a conectividade nesa zona, mediante a conexión da AP-9 coa N-550 e cos polígonos do Tambre e da Sionlla.

Compartir: