DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Primeira edición de Compostela Startup Clinic para emprendedores

27/11/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi a primeira edición de Compostela Startup Clinic, acción que nace dentro do programa Compostela Móvese para o impulso da cultura emprendedora e da innovación en Santiago. Na rolda de prensa participaron Beatriz González, xerente da Fundación Cidade da Cultura e Eva López, responsable do programa Woman Emprende da USC, patrocinadores do evento, ademais dun dos asesores participantes, Roberto Graña.

Compostela Startup Clinic é un evento que se celebrará os días 9 e 11 de decembro na Cidade da Cultura, onde haberá asesoramento de expertos en desenvolvemento de negocio para estudar e validar ideas empresariais, complementado con sesión de formación, networking e premios para as mellores ideas.

No concurso de Compostela Startup Clinic poden participar as persoas emprendedoras cunha idea ou un novo proxecto empresarial, válido e viable para poñer en marcha no Concello de Santiago de Compostela. Pero ademais poden tamén participar empresas con menos de dous anos de antigüidade desde a súa constitución, que desexen avaliar o seu modelo de negocio.

O Compostela Startup Clinic contará coas seguintes fases: Convocatoria para a inscrición de proxectos e emprendedores; Selección e avaliación das propostas para a súa inclusión no Compostela Startup Clinic; Primeira Xornada, na que haberá un traballo cos participantes onde recibirán formación e madurarase a súa idea de negocio; Segunda Xornada, na que se prepararán os proxectos para a súa presentación ante o xurado, exposición ante o xurado e entrega de premios.

O Concurso de Compostela Startup Clinic contará con tres premios: Premio ao Mellor Proxecto; Premio Muller Emprendedora e Premio ao Mellor Proxecto Cultural. O gañador do Premio ao Mellor Proxecto obterá asesoramento para estudar a viabilidade do proxecto e a procura de financiamento; alta e cotas gratuítas durante nove meses na Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña e acceso aos servizos que presta esta asociación a emprendedores; dúas sesións de coaching e un curso en técnicas de venda.

A gañadora do Premio Muller Emprendedora recibirá Asesoramento por parte do programa Woman Emprende para estudar a viabilidade do proxecto e a procura de financiamento; alta e cotas gratuítas durante nove meses na Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña e acceso aos servizos que presta esta asociación a emprendedores e dúas sesións de coaching ao equipo promotor. Pola súa banda, o gañador do Premio ao Mellor Proxecto Cultural obterá un ano gratis no espazo coworking no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura; asesoramento para estudar a viabilidade do proxecto e a procura de financiamento, e dúas sesións de coaching ao equipo promotor.

O prazo de presentación de solicitudes será ata as 14:00 horas do día 3 de Decembro de 2015. As solicitudes para a participación das ideas ou proxectos presentaranse a través da web do evento: www.startupclinic.blubusiness.es.

Compartir: