FESTAS

Fusión de música electrónica e tradicional balcánica da man de Kiril Djaikovski na xornada do martes das festas do Apóstolo

27/07/2015 As festas do Apóstolo continúan ofrecéndonos actividades variadas e música chegada desde diversas partes do mundo. Tras o concerto de Lila Downs o luns, na xornada do martes teremos a posibilidade de escoitar a fusión da música electrónica coa música tradicional balcánica da man do macedonio Kiril Djaikovski. Será a partir das 22:00 horas na praza da Quintana e con entrada libre.

A fusión dos elementos Balcan Beats, Drum’n'bass e Rap non fan que sexa tarefa fácil poñerlle etiquetas a este músico, pero si que asegura grandes emocións, graves que golpean e ritmos que sorprenden. A festa está asegurada.

Pioneiro na introdución dos sons balcánicos na música electrónica moderna, e cunha exitosa carreira de máis de dúas décadas nas costas, este nativo de Macedonia é toda unha referencia no son da rexión. É, sen dúbida, un dos artistas máis respectados e admirados tanto por músicos como por críticos por igual.

Os seus temas, axudaron a definir o que hoxe é mundialmente coñecido como o fenómeno "Balkan Beat". O seu son cargado de graves herdados do drum’n'bass, ritmos balcánicos e a súa xenial fusión con elementos máis urbanos, fan que os seus directos sexan toda unha festa. Trátase á súa vez dun dotado compositor de bandas sonoras para cinema e teatro.

Gran dose de música balcánica asegurada da man deste pioneiro. Xira acompañado da rapeira residente en Brooklyn, Tk Wonder. Escollida por Q-Tip e Stretch Armstrong como gañadora da competición See.me, está a deixar pampos aos grandes da industria.

Direccións relacionadas



Compartir: