CONSORCIO

O Consorcio aprobou a programación 2015-2016 da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais

30/06/2015 O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Ademais dos representantes das tres Administracións consorciadas -Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia e Concello de Santiago-, asistiron por invitación os portavoces dos grupos municipais, pendente de que se celebre o Pleno que faga efectivo o nomeamento dos dous concelleiros que terán parte no Consorcio.

Entre os temas abordados na Comisión destaca a aprobación da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que se presentará aos medios este mércores en rolda de prensa, ás 11:30 horas, no Auditorio de Galicia. No acto darase conta tamén das actuacións que está previsto realizar en Vigo, noutras cidades galegas e en varios puntos de España.

Por outro lado, a Comisión deu luz verde á programación da Escola de Altos Estudos Musicais, dependente do Consorcio, para o curso 2015-2016. Un ano máis, o ilustre compositor aragonés Antón García Abril impartirá o Curso de Composición no centro. Así mesmo, celebrarase a cuarta edición do Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago e dirixido a músicos novos con titulación superior que teñan como meta integrarse nunha orquestra profesional, para o que se formarán coa Real Filharmonía de Galicia.

Ademais, a Escola realizará a terceira edición do Curso de Especialización Instrumental, que prepara a novos músicos galegos nun instrumento, en particular en violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión. E teñen a oportunidade de ofrecer varios concertos públicos na cidade.

Convenios coa Televisión de Galicia e a USC
No transcurso da Comisión Executiva informouse de varios acordos de colaboración do Consorcio con diferentes organismos, entre eles a Televisión de Galicia, destinado a difundir a través da TVG e da Radio Galega a actividade xeral da orquestra e os seus programas e actuacións concretas.

O Consorcio asinou tamén un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun acordo de cooperación educativa para que alumnos de Mestrado en Industria Musical, curso de posgrao propio da USC, realicen prácticas no Consorcio.

Compartir: