CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Vive o verán" ofrece un ano máis un amplo calendario de propostas lúdicas para todos os públicos entre os meses de xuño e setembro

26/05/2015 Chega unha nova edición de Vive o verán, o programa da Rede Municipal de Centro Socioculturais co que o Concello anima os composteláns a gozar do tempo libre destes meses de xuño, xullo, agosto e setembro nos parques e prazas da cidade e no entorno das parroquias. A iniciativa, dirixida a todos os públicos, comprende diversas propostas, algunhas xa habituais na programación anual dos centros socioculturais e outras totalmente novidosas.

A concelleira de Cultura en funcións, María Antón, presentou esta nova edición de Vive o verán, que achegará ás familias de Compostela unha ampla oferta de lecer sociocultural adaptada ao tempo do verán, con actividades lúdicas, medioambientais e de convivencia, que facilitarán o encontro veciñal e interxeracional. O programa é tamén un convite a gozar dos espazos urbanos e rurais de Santiago e a promover a convivencia, a relación e a creatividade.

En función do seu método de inscrición fixáronse tres tipos de actividades. Así, unhas serán abertas e de balde, co único requisito de que os participantes se acheguen ao lugar onde se celebran as actividades. Este é o caso de accións como Imos ao baile, a visita á exposición de títeres no CSC das Fontiñas ou a asistencia á mostra do traballo dos clubs de teatro na rede de centros.

Outras actividades serán tamén de balde pero con necesidade de preinscrición, por tratarse de propostas con límite de prazas: paseos na procura das plantas de San Xoán, sesión de pesca sen morte na granxa do Xesto, obradoiros con bebés Medrar en familia, festa intercentros, circuítos saudables polos parques ou xogos de rúa Venres en familia.

Finalmente, hai unha serie de actividades con preinscrición e pagamento, como as Mañás de verán, as Mañás de xogo, o Campamento de Verán de Figueiras, as saídas ao parque acuático de Cerceda ou as viaxes do programa Imos de excursión.

No programa de man dispoñible nesta web municipal e na dos centros socioculturais (www.santiagosociocultural.org), así como nos propios centros, indícanse os prazos de inscrición específicos para cada actividade. O primeiro en abrirse, o 29 de maio, será o período de inscrición para as Mañás de verán e de xogo.

Mañás de verán e de xogo
Entre as propostas desta edición non faltarán os campamentos de conciliación, agrupados baixo os programas Mañás de verán, Mañás de xogo e o campamento do Local Sociocultural de Figueiras (organizado pola asociación veciñal desta parroquia). En total ofertaranse 210 prazas para nenos empadroados en Compostela de 4 a 12 anos, repartidas en sete localizacións: Vite, Conxo, Fontiñas, Santa Marta, Nemenzo, Figueiras e A Gracia.

Actividades de éxito noutras edicións
Ademais da proposta de conciliación, repiten no programa actividades con grande acollida en edicións anteriores, como a festa intercentros, as saídas ao parque acuático de Cerceda, os paseos na procura das herbas de San Xoán, os obradoiros para familias con bebés Medrar en familia (este ano con 11 entregas), os circuítos saudables polos parques, a xornada de pesca sen morte na Granxa do Xesto, as actividades Venres en familia ou a programación regular de excursións e bailes.

Representacións teatrais e títeres
Entre as novidades deste Vive o verán 2015 salienta a mostra do traballo dos clubs de teatro dos centros socioculturais. Esta iniciativa, que nace con vocación de continuidade, permitirá amosar durante os catro sábados do mes de xuño dez representacións dos clubs, tanto infantís como de adultos, da rede sociocultural. Terá como sede a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta.

Seguindo neste ámbito escénico, do 30 de xuño ao 24 de xullo estará aberta no CSC das Fontiñas a exposición Viaxar con títeres, que exhibe o traballo dos 20 anos da compañía Cascanueces. A mostra achegaranos aos teatriños, conxuntos escenográficos, bonecos, carteis e fondo bibliográfico do mundo titiriteiro. A proposta completarase con representacións e obradoiros.

Compartir: