TURISMO

Turismo promociona a cidade en Polonia

01/03/2015 Turismo de Santiago promocionará a cidade en Polonia, un mercado considerado unha oportunidade para o sector turístico compostelán. A empresa municipal de promoción turística participará este luns, 2 de marzo, no evento Outgoing Poland, en Varsovia.

Outgoing Poland ten un formato que une características de feira e de workshop nunha xornada, no que so se admiten 25 destinos por evento. Turismo de Santiago contará cun mostrador para atender as citas prefixadas cos profesionais polacos. En outubro deste mesmo ano repetirase o evento nas cidades de Cracovia e Wroclaw, onde Turismo de Santiago ten previsto asistir.

Turismo de Santiago presentará a cidade ás principais axencias e touroperadores do mercado polaco. Amosará a cidade como o destino do Camiño de Santiago e relixioso, pero tamén como unha destino cultural, gastronómico, patrimonial e de natureza.

Turismo de Santiago tamén fará referencia aos vínculos con Santiago do Papa Xoán Paulo II, quen visitou a cidade en dúas ocasión, en 1982 e 1989, cando fixo unha peregrinación simbólica polas rúas da cidade. Polonia ten unha poboación de preto de 40 millóns de persoas, dos cales o 95% son católicos, polo que o segmento do turismo relixioso ten moita importancia no país.

Polonia é un dos países con maior crecemento no número de peregrinos nos últimos dez anos. No Ano Santo 2004 houbo 357 peregrinos polacos. No ano 2014 o número de peregrinos polacos foi de 2.957, alcanzando o seu máximo histórico. Nunha década, o crecemento foi do 828%, un dato que indica as posibilidades do mercado polaco para a cidade.

Documentos relacionados



Compartir: