ALCALDÍA

O alcalde compostelán agarda que o Mercado de Nadal da Quintana se converta nunha referencia en Galicia nestas festas

26/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañados da concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentaron a primeira edición do Mercado de Nadal da Quintana, que se celebrará durante 25 días, entre o 12 de decembro e 5 de xaneiro. En 14 postos, artesáns, produtores, comerciantes e restauradores chegados dende distintos puntos de Galicia exhibirán os seus produtos, pezas e coleccións de decoración e produtos de Nadal.

Agustín Hernández enmarcou esta iniciativa na aposta municipal por "configurar unha oferta alternativa e complementaria do comercio estable no núcleo histórico que axude a dinamizar e darlle vida á zona durante o Nadal". Así, resaltou que "a celebración nun lugar tan emblemático da cidade achégalle un maior atractivo para que poida acudir non só a veciñanza de Santiago e da súa comarca, senón de moitos outros lugares de Galicia.

Para o alcalde, "o Mercado de Nadal da Quintana, xunto coa pista de xeo da Alameda, o creativo Mercado de Estrela arredor do CGAC, a Árbore das Ilusións na Praza Roxa e o gran número de actividades do Nadal cultural e do Gaiás compoñen un variado programa que poucas cidades poden ofertar ao longo destas festas e menos nun contorno tan acolledor e entrañable como Santiago de Compostela, que vai lucir coas mellores galas este Nadal".

"Pouco a pouco –indicou- con incorporacións deste tipo, que teñen vocación de perdurar e de sumar, o Nadal compostelán vai transformándose nun Nadal de marca, nun elemento mais que contribúe a construír a nosa identidade como urbe dinámica, creativa e aberta a novas iniciativas, como este mercado do Nadal que, de seguro, vaise converter nunha referencia nas festas navideñas de toda Galicia.

Convencida do éxito tamén se mostrou Nava Castro, quen expresou o seu desexo de que este Mercado da Quintana sexa un "complemento esencial do Nadal en Compostela" e o "epicentro do Nadal en Galicia". Neste sentido, agarda que tamén se converta nun atractivo turístico máis.

Segundo a directora de Turismo de Galicia, será "un evento actual, con personalidade e carácter innovador que reforzará o atractivo da nosa Comunidade e dinamizará o comercio durante esta festividade". Puxo como exemplo a seguir os mercadiños de Nadal de diferentes cidades europeas.

Postos, zona lúdica e concertos
Concibido como un evento actual, vistoso, de coidada estética, con múltiples atractivos, marcada personalidade e carácter innovador, o Mercado da Quintana fará destacar a beleza da praza na que estará situado, aproveitándose do encanto da súa fisionomía para ofrecer todo o necesario para cambiarlle a cara ao vindeiro Nadal.

Cunha mimada e harmoniosa escenografía que imitará unha rúa comercial de estética afín á arquitectura tradicional galega, o Mercado da Quintana incorporará postos de venda protexidos baixo soportais, un carrusel para o goce dos cativos e un escenario para as actuacións musicais dos venres, sábados e domingos, que fará as veces de photocall para os visitantes.

O Mercado posuirá ademais unha zona lúdica para obradoiros creativos, na que se levará a cabo tamén o servizo de gardería-ludoteca e un acolledor espazo de restauración para a degustación de bebidas e comestibles típicos das feiras.

25 xornadas
O Mercado da Quintana desenvolverase ao longo de 25 xornadas comprendidas entre o venres 12 de decembro e o luns 5 de xaneiro, cun horario de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas de luns a venres, e sen pausa ao mediodía as fins de semana. Os días festivos, xoves 25 de decembro e xoves 1 de xaneiro, o Mercado da Quintana permanecerá aberto de 18:00 a 21:00 horas, mentres que os días de Noiteboa, Fin de Ano e Reis, fará horario ininterrompido de 11:00 a 18:00 horas -os día 24 e 31- pechando ás 21:00 horas o 5 de xaneiro.

Os venres, sábados e domingos o Mercado da Quintana contará arredor das 19:30h con concertos de bandas galegas de distintos xéneros musicais como Trampoline, MadMartin Trío, etc., obradoiros creativos de temática navideña aptos para todas as idades de 18:00 a 19:00 horas, e un servizo de gardería-ludoteca activo de 11:00 a 14:00 horas.

A convocatoria para participar de balde como expositor no Mercado da Quintana está tendo unha gran acollida entre comerciantes, artesáns, produtores e restauradores, e conta xa con case cincuenta preinscricións para expoñer e vender diferentes tipoloxías de produtos: árbores, plantas, coroas, arranxos florais frescos e secos e outros adornos naturais de Nadal, colgantes e grilandas, beléns, velas, doces, artigos de decoración e ambientación para as festas, disfraces, caixas, postais e outros produtos de papelería, instrumentos musicais, e outras pezas e produtos artesanais.

Convocatoria aberta
Para que todos os expositores interesados teñan a oportunidade de enviar a súa preinscrición para participar nalgún dos cinco bloques de cinco xornadas que se establecen nas bases, a convocatoria de participación no Mercado da Quintana permanecerá aberta ata o vindeiro mércores día 3 decembro ás 24:00 horas, prolongando o período inicialmente marcado para solicitar praza.

Os artesáns, produtores, comerciantes e restauradores que desexen participar poderán cubrir e enviar o formulario online de preinscrición que atoparán na web do Concello de Santiago e solicitar toda a información que precisen para valorar a súa participación no evento no correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos 649 610 692 ou 606 955 797.

Documentos relacionados



Compartir: