ALCALDÍA

A exposición "O Asorey descoñecido" orixina diversos materiais didácticos sobre o artista

30/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou no Pazo de Fonseca a exposición O Asorey descoñecido, onde presentou diversos materiais didácticos da exposición realizados entre a Fundación Asociación Cultural Francisco Asorey e a Concellería de Educación. Centros de ensino de primaria e secundaria de Santiago e comarca realizaron visitas guiadas á mostra durante este mes de outubro.

Sobre Francisco Asorey, o alcalde lembrou que "foi un artista moi recoñecido en vida, pero a súa figura foise esquecendo co paso do tempo, ata o punto de que son moitos os que hoxe ignoran as grandes obras da súa autoría preto das que pasan a miúdo nos centros das cidades e vilas".

Esta exposición, dixo, "trata de recuperar e achegar a súa figura, e facelo ademais con aquelas obras –moitas delas en madeira e outros materiais distintos da pedra- de máis difícil acceso para o público e, precisamente por iso, aínda menos coñecidas que as que se atopan en lugares públicos".

Ademais, con esta mostra, Santiago recupera a memoria dun veciño eminente, que descansa no Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, que viviu máis de 40 anos na nosa cidade, que soubo labrar a alma de Galicia, que nos deixou un importante legado artístico nas nosas rúas e no interior dos edificios públicos que debemos manter con orgullo para Santiago e para Galicia", engadiu Agustín Hernández.

A exposición e Asorey
A mostra O Asorey descoñecido, a partir da cal se elaboraron diversos materiais didácticos, pretende homenaxear ao escultor galego Francisco Asorey, que foi un dos grandes artistas do século XX nun terreo onde non só destacou coa súa perfección técnica, senón tamén pola innovación en técnicas de policromía da madeira que nunca antes se utilizaran.

125 anos despois do seu nacemento, a crítica considera este artista como o máis grande escultor galego dende o Mestre Mateo e un dos escultores máis importantes do século XX en España. Con tal motivo preparouse esta exposición, que conta con vinte obras que percorren todas as épocas creativas, dende os 14 anos ata o ano do seu pasamento. Tamén se amosa unha boa compilación dos materiais que el utilizou: xeso, madeira, pedra, bronce…

Obras emblemáticas como o San Cristovo, Cabaleiros Negros, Lo jondo ou o Busto da señora Hall integran este proxecto expositivo, xunto con outras que por primeira vez que se expoñen ao público. Tamén se incorporan fotografías de gran formato para deixar constancia do importante número de monumentos que Asorey realizou en moitas cidades e vilas galegas, así como noutros países de Sudamérica, ademais daquelas que xa se expuxeran hai tres anos e que pola súa importancia tiñan que formar parte desta mostra. Por outra parte, esta é unha nova ocasión para gozar coa exposición de fotografías de época de Ksado e materiais do artista como gubias, pinceis, libros de arte…

A exposición complétase cun vídeo explicativo da técnica creativa da policromía -utilizada por vez primeira por Asorey-, dous monitores táctiles dotados de software que axudan a comprender o traballo realizado polo artista e unha aplicación para dispositivos Android. O catálogo está dispoñible en formato dixital en castelán, galego e inglés a través de códigos QR.

Compartir: