ALCALDÍA

A Real Filharmonía iniciou nova temporada

19/09/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) arrancou a súa nova temporada cunha homenaxe á ópera. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, asistiu ao concerto.

A batuta levouna o madrileño Andrés Salado, director artístico e titular da Joven Orquesta de Extremadura e director residente na Ópera de Viena. O concerto iniciouse con Orfeo e Eurídice, do compositor alemán Christoph Gluck (1714-1787). En primeiro lugar, a orquestra interpretou a obertura desta ópera, que trata a baixada aos infernos de Orfeo para recoller á súa amada, pero ela non pode subir aos ceos porque el a mira. A continuación, os músicos tocaron a aria que pecha o primeiro acto desta obra e que representa o momento no que Cupido lle di a Orfeo que pode recuperar a Eurídice.

Logo a orquestra achegou ao público a Sinfonía nº 30 de Mozart, que pertence ao período xuvenil do xenial músico. Caracterízase por un ton brillante e animoso, tan propio da música mozartiana. A RFG interpretou ademais a obertura e unha aria do primeiro acto de O barbeiro de Sevilla, do compositor italiano Gioacchino Rossini (1792-1868).

A segunda parte do concerto comezou co intermezzo e a canción "La maja y el ruiseñor" da ópera Goyescas, do catalán Enrique Granados (1867-1916), inspirada nas pinturas de Goya. Foi primeira ópera española estreada no Metropolitan Opera de Nueva York, en 1916.

Por último, a orquestra interpretou pezas de dúas obras do compositor austrohúngaro Antonín Dvorák (1841-1904): "Canción á lúa", de Rusalka -a aria máis coñecida desta ópera, na que unha ninfa que adopta forma humana por amor lle pide á lúa que busque o seu príncipe e lle confese o seu amor- e varias partes da Suite checa.

Neste concerto homenaxe á ópera, os músicos estiveron acompañados pola voz da donostiarra Clara Mouriz, unha das mezzosopranos máis apaixoantes da súa xeración.

Compartir: