ALCALDÍA

O alcalde reitera a necesidade de impulsar a protección do patrimonio colectivo

19/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu a benvida a Santiago aos directivos da International National Trust Organisation (INTO), procedentes de varios países, que chegaron á praza do Obradoiro tras completar o último tramo do Camiño Inglés dende Sigüeiro.

Agustín Hernández aproveitou a presenza en Santiago dos membros da INTO para lembrar que patrimonios como o de Santiago de Compostela "necesitan cada día máis protección e, para iso, faise preciso estender a concienciación sobre a súa importancia e fraxilidade". Neste sentido, e "consciente desa debilidade e da necesidade de impulsar a conservación e protección dese patrimonio colectivo", valorou "de forma moi positiva" o labor que realiza a INTO nesta materia. "Anímoos a seguir nesa loable tarea de concienciación e difusión dos valores patrimoniais", engadiu.

"Todas as axudas e todos os esforzos son poucos cando se trata de preservar as singulares mostras do xenio creativo da humanidade, nuns tempos nos que a presión urbanística, os intereses económicos ou unicamente a simplista e nefasta idea de acabar con todo o vello, ameazan a súa existencia", indicou.

A propósito dese cometido de preservación, Agustín Hernández celebrou "a actitude a Deputación da Coruña ao colaborar co único membro desta organización na nosa Comunidade Autónoma, Tesouros de Galicia, para por en marcha un proxecto de difusión e dinamización do Camiño Inglés a Santiago". Representou á Deputación no acto o seu presidente, Diego Calvo. Tamén participou a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Compartir: