CULTURA

WOS INC encherá Compostela de actividades culturais do 12 ao 14 de setembro

29/08/2014 O próximo 12 de setembro inaugúrase en Santiago WOS INC, a primeira incubadora de ideas galega. Unha iniciativa da produtora compostelá Work on Sunday, en colaboración con diferentes axentes culturais galegos, que nace amparada polo ciclo Compostela Rock, organizado pola Concellería de Cultura. Máis de 30 espectáculos e eventos nun fin de semana, tres dias de actividades, que encherán Compostela de música, arte e cultura.

A concelleira de Cultura, María Antón, acompañada polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e polo director do festival, Iván Arias, presentaron WOS INC é un proxecto multidisciplinar e urbano que busca descubrir, acoller e difundir entre un público heteroxéneo novas propostas culturais. A música é o elemento aglutinador arredor do o cal se crearán espazos de difusión artística de diversos ámbitos: audiovisual, literario, artes escénicas, exposicións gráficas, etc. Así como talleres, conferencias, mesas redondas e clases mestras que analizarán a escena cultural contemporánea e o seu efecto na sociedade e a industria actual.

WOS INC é un proxecto urbano, coa idea de que todos os concertos e actividades se desenvolvan en recintos e localizacións emblemáticas de Santiago: Teatro Principal, Centro Galego de Arte Contemporaneo (CGAC), Fundación Granell, Igrexa da Universidade, Zona C, Praza de Abastos, Sala Capitol e Fundación SGAE.

O cartel de artistas inclúe algunhas das bandas máis arriscadas e interesantes do panorama internacional, como A Place to Bury Strangers, A Place to Bury Strangers, Cave, Ensemble Economique, Jupiter Lion, Red Fang, Sonic Jesus, Spindrift, The Cosmic Dead, White Hills, White Manna, James Blakcshaw, Colleen ou Wooden Wand, moitas delas por primeira vez en Galicia. A isto súmanse as presentacións cómico-literarias - Ultrashow, de Miguel Noguera e ¡Pelea!, de Kiko Amat-; os espectáculos escénicos Mi manera de hacer el indio, de Carolina Fernández, e OHN, de María Roja e Berio Molina, así como as actuacións das bandas galegas Camarada Nimoy, Chicharrón, Guerrera, Orquesta Metamovida, Ulobit e Unicornibot.

A gastronomía terá un papel protagonista dentro de WOS INC da man de Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, de Abastos 2.0. Este restaurante, situado nas inmediacións do Mercado de Abastos, converterase en punto de encontro gastronómico durante o evento e presentará, unicamente durante estes días, unha tapa creada en exclusiva para o evento, que poderá ser degustada polos asistentes con aboamento a un prezo de 2 €.

A fotografía é outra das disciplinas que terá presenza no evento a través do proxecto VISIONS, unha idea orixinal de Zlick, e coordinada polo Colectivo 15001. VISIONS é unha exposición de proxeccións fotográficas que busca promover a fotografía como ferramenta de comunicación e provocar o encontro de artistas e profesionais con afeccionados, entusiastas, veciños ou simplemente curiosos.

No ámbito audiovisual, a zona C acollerá unha videoregueifa entre os personaxes de dúas das webseries máis aplaudidas de Galicia: O viúvo quere mimos e Ángelica & Roberta. Eles serán os encargados de encher de imaxes a tarde do domingo cun combate de vídeos sobre un tema tan universal como a resaca.

As entradas para WOS INC xa están á venda a un prezo de 20 € por día para as xornadas de vebnres e sábado, 10 euros para a xornada do domingo e un prezo de 35 € para o abono completo. Poden adquirirse a través da web de ABANCA e nas tiendas A Reixa (Santiago), Portobello (A Coruña) e Elepé (Vigo).

Direccións relacionadas



Compartir: