ALCALDÍA

O Concello de Santiago achega 55.000 euros para o servizo de aloxamento e acollida do Albergue Xoán XXIII

19/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o director do Centro Cultural Social Xoán XXIII, Francisco Castro, asinaron esta mañá os convenios en virtude dos cales o Concello colabora no servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna do centro e no seu programa Xuntos Podemos. O Concello achega un total de 58.000 euros a estes dous programas, incrementando en 15.000 euros a subvención do exercicio 2013. Estes acordos co albergue Xoán XXIII forman parte dos 29 convenios que o Concello de Santiago asina con entidades sociais da cidade, por un importe de 386.877 euros.

O Concello renova a colaboración co servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna para transeúntes e persoas necesitadas que presta o Albergue Xoán XXIII. Coñecedora do incremento de persoas en situación de emerxencia social e/ou sen fogar e, en consecuencia, do aumento do número de usuarios deste servizo, a Administración local decidiu aumentar a contía achegada para o mesmo en 15.000 euros, situándoa nun total de 55.000 euros.

O albergue Xoán XXIII presta un servizo de aloxamento e acollida nocturna e diúrna, atendendo as necesidades básicas en cada caso concreto. Realízase unha acollida en réxime diúrno en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00h. Neste auxilio inclúese un servizo de duchas (de luns a sábado, de 10:00 a 12:00 horas); un servizo de roupeiro (de luns a sábado, de 10:00 a 12:00 horas), un complemento alimentario e un servizo vixilancia e seguridade durante o día.

A acollida nocturna préstase de 20:00 a 22:00 horas. Inclúese a pernoctación, a consigna para gardar equipaxes e taquillas individuais, un servizo de lavandería (luns, mércores e venres), un servizo de vixilancia e seguridade durante a noite e bebidas quentes.

No albergue pódese pemoctar durante 10 días ao mes e teñen que pasar 30 para que un usuario poida volver a pemoctar outra vez. De luns a sábado, en horario de 10:00 a 12:00 horas, pode ducharse e coller a roupa que precisen no roupeiro, a excepción das persoas que nese momento están durmindo no albergue, que obrigatoriamente se teñen que duchar pola noite antes de deitarse. Ao roupeiro poden acudir igualmente en horario de mañá.

O servizo de lavandería é diario para as persoas que están pernoctando. Cada noite, despois de ducharse, os usuarios deixan a muda na cesta da roupa sucia, e repártese a roupa limpa e pasada ao ferro os luns, mércores e venres de cada semana antes da hora de durmir.

Este labor de acollida compleméntase dende o albergue con outros servizos, como promoción e orientación laboral, formación ocupacional e psicosocial, talleres formativos atención psicolóxica, acompañamento en trámites administrativos ou na atención sanitaria, charlas orientativas, talleres de lectura, tramitación de axudas sociais, colaboración con outras entidades sociais como o Banco de Alimentos, busca de reunificación familiar, derivacións a entidades públicas e privadas de carácter social, domiciliación do correo, etc.

Para a prestación de todos estes servizos, o Albergue conta cunha traballadora social, un educador social, unha avogada, unha psicóloga, unha orientadora laboral, unha podóloga, dous médicos, unha enfermeira, unha perruqueira e unha encargada dos talleres. Todos estes profesionais, agás a traballadora social –que está durante toda a xornada- acoden ao Albergue a determinadas horas e días da semana.

Xuntos Podemos
O Concello tamén colabora un ano máis, neste caso con 3.000 euros, no programa Xuntos Podemos, que comprende unha campaña de hixiene e outra de adquisición de leite. A primeira ten como obxectivo a compra de produtos de lavandería, de hixiene persoal e de vestiario básico aos usuarios do Albergue para o tempo de primavera-verán, mentres que a segunda das campañas céntrase na adquisición de leite, derivados lácteos, froita e complementos.

A hixiene resulta básica para evitar enfermidades e para facilitar a convivencia no Centro. De aí que se precise durante todo o ano produtos para a hixiene persoal os usuarios, como toallas para o lavados de mans e cara, xel para a ducha, máquina e crema de afeitar, cepillos e pasta dentífrica, desodorizantes… Tamén se adquiren produtos de lavandería como deterxentes, suavizantes e lixivias. No eido do vestiario, malia que o roupeiro se abastece con roupa variada achegada a través de doazóns, non soe haber prendas moi demandadas como calzado e pantalóns en tallas pequenas (da 38 á 44).

A outra campaña de Xuntos Podemos incide na compra de leite, infusións, azucre, paletinas para remover, vasos e froita. Ao día consúmese no Centro unha media de 9 a 12 litros de leite, segundo a estación; gran parte desta prestación é sostida con doazóns, pero non alcanza ao total. E para cada semana prevese o consumo de 40 quilogramos de froita, durante un mínimo de seis meses.

Compartir: