CONSORCIO

O director técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch, despídese tras dez anos á fronte da formación

24/07/2014 O director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG), Oriol Roch, deixa a formación a finais do mes de agosto, despois de dez anos á fronte da orquestra. Este mesmo ano tivo a oportunidade de vivir a maioría de idade da RFG, que daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996.

Destes dez anos na xestión da RFG, Oriol Roch destaca "o rigor e a honestidade do traballo realizado pola orquestra e o seu equipo, grazas ao que a formación musical medrou en calidade e público". Salienta ademais que, durante este período, "a orquestra consolidouse tamén fóra da cidade de Santiago de Compostela -onde ten a súa sede- e de Galicia, participando en festivais como Le Roque d'Anthéron en Francia, no Musika-Música de Bilbao de xeito ininterrompido dende 2008, así como nas temporadas de Barcelona, Madrid, Sevilla, Oporto…, así como promovendo e protagonizando unha temporada estable na cidade de Vigo", algo que remarca de maneira moi especial o director técnico da Real Filharmonía de Galicia.

Oriol Roch deixa Compostela para asumir o cargo de director xeral da Orquesta Sinfónica de Euskadi, unha Sociedade Anónima participada polo Goberno Vasco cun orzamento de 8 millóns de euros. Está integrada por un total de 91 músicos e un equipo técnico-administrativo de 14 persoas.

Oriol Roch Izard naceu en Barcelona. É licenciado en Historia Contemporánea, conta con formación en xestión de empresas e no eido da música. Dispón ademais dunha ampla experiencia na xestión musical. Entre os postos que desempeñou con anterioridade, cómpre salientar que de 1990 a 2002 foi xerente da Orquestra de Cambra Teatre Lliure, formación barcelonesa dirixida por Josep Pons.

Compartir: