ALCALDÍA

Aberta a exposición "Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

29/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á inauguración da mostra Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a Fundación Novacaixagalicia. O acto, desenvolveuse na sala de exposicións do Centro Cultural da Fundación, onde está disposta a exposición, e contou tamén coa presenza de Xulio Maside, sobriño do artista e representante da familia; e Pedro Otero, xerente da Fundación Novacaixagalicia. Todos eles coincidiron en salientar a importancia da figura de Maside na renovación da plástica galega e incidiron en que a exposición cumpre co desexo expreso do artista de que o seu legado descanse en Compostela.

A mostra, que permanecerá aberta ata o 31 agosto de 2015 e poderá ser visitada en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, vén a celebrar que toda a herdanza pictórica que Maside deixou a Galicia se atopa xa en Compostela, o lugar no que o artista viviu e no que dispuxo que a súa obra repousase. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores. A figura de Maside supuxo un referente no renacemento pictórico galego, á vez que foi guía para a construción ideolóxica de Galicia, pois el marcaría a liña a seguir no pensamento galeguista da súa xeración e das posteriores.

Así, na mostra encontraremos ao primeiro Maside, que apreciamos en obras como Nena con galo, que se despraza a Madrid nos anos 20 e entra en contacto cos debuxantes gráficos. Nesta disciplina foi un dos grandes intérpretes da historia contemporánea -como di María Luísa Sobrino- xa que Carlos Maside foi, antes que pintor, un excelente debuxante que seguía os pasos de Castelao. Aínda que con este mantiña analoxías formais e temáticas, no seu debuxo aparecen os primeiros personaxes en medios urbanos e presenta, deste xeito, unha Galicia en transformación.

Tamén está presente o artista obsesionado por facilitar que a arte galega se puidese incorporar ao movemento renovador que xa percorrera toda Europa. Ese Maside que coñece, de primeira man, en París, as vangardas abstractas e figurativas e as diversas liñas ideolóxicas xurdidas. Dese Maside nacen obras como Paisaxe de Compostela ou Tenda, presentes na exposición. No proxecto expositivo tamén fica reflectido o artista que, logo da guerra, se abandona a un particular exilio interior no que emprende unha persoal loita contra o franquismo. Nesa época, o pintor está en constante contacto con artistas e intelectuais do exilio como Luís Seoane, co que mantén unha intensa correspondencia. Neses anos en que vive na súa casa da rúa do Vilar, en Compostela, aínda que pasa tempadas en Vigo, pinta obras como Costureira e Noivos e ten unha intensa actividade intelectual. Non cesa en reivindicar a figuras pouco populares naquel entón tales como Rafael Dieste, Luís Seoane, Federico García Lorca, Rafael Alberti ou Miguel Hernández. Nesa etapa tamén acode á histórica Peña do Español, á que asisten con regularidade galeguistas coma Otero Pedrayo, García-Sabell, Ramón Piñeiro, Borobó ou Aquilino Iglesias.

Como non podería ser doutro xeito, na mostra aparece tamén a figura feminina, que en Maside se reitera coma un leitmotiv, coma un símbolo do que se desexa e do que se ama. Todas as súas mulleres represéntanse fortes, sereas e traballando e son unha clara referencia á súa propia nai. A figura feminina aparece nas súas primeiras obras e ao longo de todas as súas etapas, tales como Muller sentada, datada en 1930; Cacharreira, de 1942, ou Peixeira, de 1952.

Novecentista e costumista con posturas universalistas, Maside foi quen de estender unha nova filosofía de optimismo a respecto dos cambios sociais e da transformación política que estaba a ter lugar na súa época e que el presentía como inevitables. Esa perspectiva persoal que establece relacións vinculantes entre territorio, tradición, modernidade, autonomía, universalidade e cultura, xunto con esa visión europeísta e democrática que el ansiaba para a súa terra, son a chave para comprendermos a súa figura e fican perfectamente reflectidas ao longo de todo o discurso expositivo.

Maside e os nenos
O proxecto expositivo complétase cun programa didáctico que a Fundación Novacaixagalicia dirixe a escolares e colectivos de adultos co obxectivo de afondar na figura de Maside e na arte galega. Preséntanse dous grupos de obradoiros con dúas perspectivas diferentes: unha primeira dirixe a ollada á historia de Galicia a través da obra do pintor e a segunda céntrase en Maside e a arte galega.

No primeiro grupo ofértanse os seguintes obradoiros: Sons dunha campá chamada Berenguela, dirixido aos pequenos de educación infantil e 1º ciclo de educación primaria; Cando Maside escoitou falar a Castelao, orientado a 2º ciclo de primaria e 1º ciclo da ESO; e Carlos Maside. Identidade e historia de Galicia, para o 2º ciclo da ESO, bacharelato e ciclos formativos.

Para os obradoiros que se centran na figura do artista no contexto da arte galega, hai preparados: Viaxa xunto a min no meu barco de vapor, ideado para os máis cativos, os nenos de infantil e 1º ciclo de educación primaria; Maside pinta, Manuel Antonio recita, obradoiro pensado para o 2º ciclo de primaria e 1º ciclo da ESO; e finalmente, A vangarda galega a través da obra de Carlos Maside, para 2º ciclo da ESO, bacharelato e ciclos formativos. Para máis información ou para participar en calquera destas actividades, as escolas e os colectivos pódense dirixir ao teléfono do Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Compostela, 981 552 577.

Compartir: