Ayuntamiento de Santiago de Compostela

Saltar a los contenidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela Cine Classics achega os mellores filmes de sempre a todos os públicos

Cartel do ciclo.
Ampliar Cartel do ciclo.


Presentación do programa en Raxoi.
Ampliar Presentación do programa en Raxoi.


15/03/2012 As películas que todo aspirante a cinéfilo debería ver acompañadas dun café, obradoiros de cine, faladoiros, e un gran concerto. Todo isto é Compostela Cine Classics’12, un novo programa da Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais para os vindeiros meses.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou o programa, acompañado por Patricia Fra López, profesora titular da USC experta en literatura e cine, e Diego Vázquez, do Depoartamento de Centros Socioculturais. Segundo explicou o edil, Compostela Cine Classics’12 pretende achegar o cine e todo o relacionado con el a un público amplo sen necesidade dunha formación e coñecementos determinados nese eido. Ao Concello –resaltou- estas actividades cústanlle menos de 3.000 euros.

Trátase dun programa cultural, educativo e divulgativo con actividades que van dende as proxeccións de clásicos da historia do cine, ata debates e encontros, faladoiros, obradoiros e un concerto para todos os públicos.

O programa permitirá aos composteláns e compostelás ver algúns dos filmes claves na historia do cine. Logo e tomando un café, os asistentes ás proxeccións poderán manter un coloquio con diversos expertos en cine. E todo isto de balde, ata completar aforo.

As proxeccións, todas en versión orixinal con subtítulos, realizaranse os venres (coa excepción do venres santo), comezando o 23 de marzo e rematando o venres 1 de xuño. Celebraranse ás 20:00 horas nos centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche. Poderánse ver, sucesivamente, O acorazado Potemkin (Serguéi M. Eisenstein, 1925); A dilixencia (John Ford, 1939); O falcón maltés (John Huston, 1941); O crepúsculo dos deuses (Billy Wilder, 1950); West Side Story (Robert Wise e Jerome Robbins, 1961); A cruz de ferro (Sam Peckinpah, 1977); A cor púrpura (Steven Spielberg, 1985); The matrix (Andy Wachowski e Lana Wachowski, 1999); Gran Torino (Clint Eastwood, 2008); e Os santos inocentes (Mario Camus, 1984).

Obradoiros
O programa inclúe tamén un Obradoiro para adultos de guión cinematográfico co tres veces gañador do Goya e guionista de Arrugas Ángel de la Cruz. Desenvolverase os mércores 11, 19 e 25 de abril e 2 de maio, de 20:00 a 22:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Este obradoiro ten un prezo de 12 euros e son 20 as prazas dispoñibles. Os interesados poden inscribirse no propio CSCXM do Ensanche ata o 4 de abril, en horario de 10:00 a 14.00 e de 17:00 a 21:00 horas.

E para os máis novos, preparouse un Obradoiro de pequenos cineastas, no que os nenos e nenas aprenderán as marabillas da sétima arte. Construirán un minidecorado de cine e traballarán co chroma e con animación stop-motion. O taller está destinado a rapaces e rapazas entre 7 e 12 anos.

O obradoiro celebrarase no Centro Sociocultural das Fontiñas os mércores 25 de abril e 2 e 9 de maio e os xoves 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 18:30 a 20:30 horas. O prezo é de 9 euros e a inscrición debe formalizarse entre o 21 de marzo e o 18 de abril no CSC das Fontiñas, no mesmo horario que para a inscrición do obradoiro para adultos.

Classicfaladoiros
Outras das actividades previstas son os Classicfaladoiros, que verarán sobre sobre cine e ciencia ficción, cine e literatura e os segredos das rodaxes. A asistencia é gratuíta ata completar aforo.

O primeiro leva por título Da letra ao cine: reflexións sobre versións fílmicas de obras literarias e impartirao Patricia Fra López, profesora titular na USC e experta en literatura e cine. O director de Cineuropa, José Luis Losa, presentará esta sesión, que terá lugar o xoves 12 de abril, ás 20.00 horas, no CSC das Fontiñas.

Para o mércores 16 de maio, ás 20.30 horas, no CSCXM do Ensanche, queda a mesa aberta Traballar no audiovisual: segredos e recantos das rodaxes. Participan: Dimas González (Compostela Film Commission), Dani de la Torre (director), Pepe Coira (guionista), Julio Casal (produtor) e Camila Bossa (actriz).

Finalmente, David Rodríguez e David Ballesteros (Ceo Aberto) impartirán o faladoiro interactivo Cine e ciencia: verdades e mentiras da ciencia ficción. Será no CSC das Fontiñas, o sábado 26 de maio, ás 20:00 horas.

Concerto de cine
E para clausurar o programa, a Concellería preparou un concerto moi especial cun grupo vocal creado especialmente para a ocasión, denominado Compostela Cine Classics. Interpretarán músicas de cine nunha actuación participativa e moi especial prevista para o sábado 8 de xuño, ás 20:00 horas, na igrexa da Universidade (praza de Mazarelos). A entrada tamén será de balde ata completar aforo.

Toda a actualidade deste novo ciclo pode seguirse a través de Twitter e Facebook. As dúbidas ou consultas poden remitirse a compostelacineclassics@santiagodecompostela.org.

Volver


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Ayuntamiento de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centralita) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal