TURISMO

Turismo de Santiago colabora con Easyjet e Paradores na promoción de Santiago no mercado británico

03/07/2013 Dez xornalistas británicos coñecerán a cidade entre o dous e o catro de xullo. Easyjet abriu unha nova conexión entre Santiago e Londres o pasado 18 de xuño con tres frecuencias semanais.

Turismo de Santiago colabora con Easyjet e Paradores na organización dunha viaxe de dez xornalistas británicos, que coñecerán a cidade entre o dous e o catro de xullo. O obxectivo desta viaxe é promocionar a cidade no mercado británico, que tradicionalmente era un dos máis importantes para a cidade en número de pernoctacións, pero que nos últimos anos perdeu bastante presenza.

Os datos do INE dispoñibles, que se refiren ata o ano 2011, amosan esta involución. Entre o ano 2003 e o 2007 o número de pernoctacións do Reino Unido pasou de 20.713 ata 50.881. Sen embargo, no 2008 comezou a descender, ata que no 2011 a cifra foi de 17.914. Os datos de 2012 non están aínda dispoñibles, pero dende Turismo de Santiago estímase que foron superiores a esta cifra e que continuará aumentando neste e nos próximos anos.

Pernoctaciones Reino Unido en Santiago. Fonte INE
2011 2010 2009 2008 2007
17.914 18.381 23.945 39.244 45.084

2006 2005 2004 2003
30.337 30.491 24.177 20.713

Precisamente, a nova conexión de Easyjet entre Santiago e o aeroporto londinense de Gatwick, que conta con tres frecuencias semanais os martes, xoves e sábado, é unha oportunidade para que o mercado británico poda recuperar as cifras que tiña en anos pasados.

Os xornalistas hospedaranse no Hostal Parador dos Reis Católicos, da rede de Paradores. Dende Turismo de Santiago deseñouse un programa de actividades para que podan coñecer os principais atractivos da cidade e no que se inclúe unha visita as cubertas da Catedral, en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago, e unha visita guiada ao Casco Histórico e ao mercado de Abastos. Na visita tamén terá especial importancia a gastronomía galega, que poderán degustar tanto no propio Hostal dos Reis Católicos, como no restaurante Porta Faxeira, que tamén colabora con Turismo de Santiago.

Na viaxe tamén se inclúen actividades fóra de Santiago, para amosar que a cidade pode servir como punto de entrada para descubrir Galicia. Unha das actividades será o percorrido dun tramo duns kilómetros do Camiño de Santiago entre Melide e Boente. Tamén haberá unha visitara as Illas Cies, en colaboración co Patronato Rías Baixas. As Illas Cíes son un importante reclamo para o mercado británico, especialmente dende que o xornal The Guardian escollese en febreiro de 2007 á Praia de Rodas como a mellor praia do mundo.

Compartir: