TURISMO

Turismo de Santiago participa nun encontro con touroperadores británicos

28/06/2013 Lavacolla conta cunha frecuncia diaria con Londres, grazas as conexións de Ryanair e Easyjet coa capital británica.

Turismo de Santiago participa na Xornada "Spain, Art & Cultures Destination", que se celebra hoxe en Madrid, organizada por Turespaña a través da súa Oficina Española de Turismo de Londres. O Reino Unido é un dos mercados prioritarios para a cidade e ten amplas posibilidades de crecemento grazas en boa medida á nova conexión entre Lavacolla e Londres de Easyjet, que naceu o pasado 18 de xuño con tres frecuencias semanais. Así, sumando as catro frecuencias xa existentes de Ryanair con Londres, Lavacolla conta cun voo diario á capital británica.

O obxectivo da Xornada é dar a coñecer aos touroperadores británicos participantes a oferta de arte e cultura que poden atopar en Santiago, cidade Patrimonio da Humanidade. Os participantes convidados a esta xornada son quince touroperadores especializados na organización de viaxes de Turismo Cultural, así como representantes de institucións culturais británicas como o British Museum, a Royal Academy ou o Goldsmith College of Art.

Ademais da posibilidade de entrevistarse con cada un dos touroperadores asistentes ao evento para amosarlles a oferta cultural da cidade, Turismo de Santiago tamén asistirá ao foro "Spain Art and Culture: tendencias e oportunidades para o mercado británico", moderado polo xornalista e editor Adam Coulter e no que intervirán representantes de Turespaña e dos touroperadores británicos.

Na Xornada Santiago tamén estará representada a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, quen acude ao evento co obxectivo de promocionar o conxunto das 13 cidades que forman parte do grupo como unha rede na que se pode atopar unha ampla oferta que amosa a diversidade artística e cultural de España.

Compartir: