NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Auditorio acolleu a final do Club de Debate

04/05/2013 Celebrouse na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a final do Club de Debate, gañada finalmente ex aequo polo IES Saturnino Montojo, de Ferrol, e polo CPI dos Dices de Rois. Os seus alumnos, xunto cos do terceiro clasificado, o IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, compartirán o premio, unha viaxe a Taramundi. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asisistiron ao inicio dos debates.

Nesta final participaron os centros escolares gañadores das seis fases comarcais celebradas previamente: IES Saturnino Montojo, gañador da fase comarcal de Ferrol; IES Parga Pondal (Carballo), de Bergantiños; CPI dos Dices (Rois), de Santiago; IES Sánchez Cantón, de Pontevedra; IES Castelao, de Vigo, e CPR María Auxiliadora. Salesianos, gañador da fase de Ourense.

Cada equipo tivo que debater dúas veces, unha a favor e outra en contra, sobre o tema seleccionado. Como resultado deses seis debates obtívose unha clasificación por puntos. Os dous equipos máis puntuados volveron debater para decidir cal ía ser o gañador absoluto. Os triunfadores participarán nunha viaxe-estadía dunha fin de semana nun espazo de interese natural, cultural e lingüístico. Esta viaxe, durante a fin de semana do 22 e 23 de xuño, será a Taramundi e estará cargada de actividades atractivas nas que, asemade, se poida poñer en práctica o que se aprendeu e, sobre todo, o galego.

Nesta edición 2012-2013 do Club de Debate participaron 259 escolares de 22 centros, repartidos en 31 grupos. Estiveron axudados por 34 preparadores. A de Santiago foi a fase comarcal que contou con máis centros (8) e máis participantes (99).

O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago, Teo e Vigo. Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado promovida dende os servizos de Normalización Lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Documentos relacionados



Compartir: