XUNTA DE GOBERNO

Máis de 5.000 escolares participarán na XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura

27/03/2013 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou a memoria da XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura. Ademais, acordouse iniciar un novo procedemento de contratación do servizo de medición de ruídos e revisar os prezos do servizo de mantemento das zonas verdes.

Segundo explicou a vicevoceira da Xunta de Goberno e tamén concelleira de Educación, María Castelao, a Campaña Municipal de Animación á Lectura chega á súa edición número 13, consolidada xa polo éxito de todas as anteriores convocatorias. Este ano leva por título Unha bandada de contos, en alusión ao título gañador da última edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, Bandada, dos mexicanos María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández.

A Campaña desenvolverase do 22 de abril ao 25 de maio. Contará coa participación de 120 profesores e máis de 5.000 alumnos, co obxectivo un ano máis da promoción do libro e da animación á lectura. Entre as actividades previstas figuran, entre outras, contacontos, obradoiros de ilustración, obradoiros de escrita creativa, música e contos para bebés e familias. O orzamento, cofinanciado pola Deputación da Coruña, é de 21.185 euros

Urbanismo
En materia de Urbanismo, concedeuse á Consellería de Cultura e Educación a licenza para a segunda fase da restauración da torre do reloxo da Catedral. Esta obra, incluída no Plan Director do templo, xa recibira anteriormente o visto bo da Comisión Asesora do Casco Histórico.

Continuando con esta Concellería, acordouse deixar deserta a licitación do Servizo de medición de ruídos derivados de actividades de carácter comercial, industrial ou de calquera outra fonte de ruído no termo municipal de Santiago de Compostela, á vista das conclusións da mesa de contratación, nas que se deixa constancia de que ningún licitador reunía os requisitos que se esixían no prego técnico. Iniciarase un novo procedemento, co mesmo tipo de licitación, 9.999,90 euros.

Ademais, resolveuse favorablemente a aprobación inicial da modificación puntual do Plan especial de reforma interior de Concheiros-Cotaredo-San Lázaro na rúa do Valiño (números 25 e 31). O cambio reordena volumes edificables e axusta aliñacións, resolvendo as diferenzas de rasantes existentes. Unha vez aprobado o expediente, someterase a información pública durante o prazo dun mes. Durante este trámite solicitarase informe do director xeral do Patrimonio Cultural.

Parques e xardíns
A Xunta de Goberno tamén deu o visto bo á revisión de prezos do contrato de servizo de mantemento e reposición de zonas verdes, á vista da solicitude realizada pola concesionaria, Cespa. A Intervención municipal, visto o escrito e tendo en conta o IPC de 2012, establece o importe mensual deste servizo en 290.610 euros/mes ata a finalización da prórroga do mesmo, en xuño de 2013.

Centros Socioculturais
Finalmente, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago para financiar o programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural no ano 2012. Este acordo permitirá realizar diferentes programas de novas tecnoloxías, educación e formación permanente, saúde e calidade de vida, animación á lectura, participación cidadá e tempo libre. Estes programas terán un custo de 175.000 euros, dos que a Deputación achegará 140.000 e o Concello o resto.

Esta colaboración arrinca xa do ano 2005, con motivo da construción dos centros socioculturais de Fecha, Villestro, A Rocha e Lavacolla.

Documentos relacionados



Compartir: