XUVENTUDE

Corenta mozos e mozas comparten unha Semana Santa de turismo activo e deporte en Pena Aventura (Portugal)

26/03/2013 Do 25 ao 27 de marzo, 40 mozos e mozas participan no Programa de Ocio e Aventura en Semana Santa, que se desenvolve no Parque Pena Aventura, en Ribeira da Pena (Portugal). A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, acompaña os participantes nesta viaxe, que esgotou o número de prazas ofertadas e que terá unha segunda entrega, de cinco días, no mes de xullo.

Este programa proporciona á mocidade de Compostela unha alternativa de lecer e fomentar a práctica deportiva e adquisición de hábitos saudables. Tamén é un punto de encontro e un medio para sensibilización sobre o medio natural.

Os participantes partiron cara o Parque Pena Aventura o luns 25 e regresarán a tarde do mércores 27. Ao longo das tres xornadas, realizarán actividades de descenso no Fantasticable (tirolina), paseo en Segway X2, ruta aventura, rafting (novidade este ano), escalada, paintball, salto negativo ou minigolf, entre outras. Entre todas as actividades, destaca o descenso na segunda tirolina máis longa de Europa, na que se poden alcanzar velocidades superiores aos 100 km/hora.

Nesta viaxe están a participar 40 mozos e mozas 16 a 30 anos, empadroados no Concello de Santiago: 10 de 16 a 18 anos e 30 de 18 a 30 anos. Tiveron que aboar 45 euros por unha estancia que inclúe monitoraxe, desprazamento e pensión completa. O Concello achega a este programa 4.200 euros. As prazas quedaron cubertas na súa totalidade.

Nova quenda en xullo
No calendario de actividades da Concellería de Xuventude para este semestre do ano está incluída unha nova entrega desta actividade de aventura. Outros 40 mozos e mozas poderán gozar dunha proposta que desta vez se realizará ao longo de cinco días. Será na segunda semana de xullo.

Compartir: