DÍA DE INTERNET

Santiago aposta polos blogs coa campaña "Cadernos Composteláns"

08/05/2006 O Concello de Santiago de Compostela e a axencia Europa Press presentaron hoxe Cadernos composteláns, unha plataforma de blogs vinculada á cidade compostelá e concibida para axudar aos veciños e colectivos a ter o seu propio diario persoal en Internet, cun enfoque principalmente local. Esta iniciativa que Santiago estrea hoxe enmárcase dentro dos actos de celebración do Día Mundial de Internet, o vindeiro 17 de maio.

A concelleira delegada de Persoal, Réxime Interior e Reforma administrativa, Marta Álvarez-Santullano, e o director de Novos Proxectos de Europa Press, Jaime Estévez, presentaron esta plataforma como unha aposta da capital galega pola cidadanía dixital, polo "software social" e pola xeración de contidos orixinais de natureza local.

A concelleira resaltou a importancia desta plataforma, porque fomenta "novas formas de participación cidadá e de uso das novas tecnoloxías". Pola súa parte, Jaime Estevez indicou que esta iniciativa pretende "situar dixitalmente a Santiago no ciberespacio". Apuntou a importancia de xerar unha comunidade virtual con intereses comúns baseados no territorio, proporcionar á cidadanía novas posibilidades de comunicación cos seus veciños e o seu concello, e contribuír a reducir a "brecha dixital".

Este novo espazo permitirá promover o uso das novas tecnoloxías entre os cidadáns. É unha invitación para que os veciños de Compostela exerzan a súa liberdade de expresión e información, e para que participen máis activamente no ámbito local.

A plataforma pretende integrar nun único espazo os diferentes blogs xa existentes na cidade, pero tamén a creación de novos blogs entre os cidadáns, colectivos e personalidades destacadas da cidade. Calquera cidadán que dispoña dun blog pode integralo nesta plataforma, que mellorará así a súa difusión e acceso.

A navegación por www.compostela.cidadans.net, é doada, grazas a un deseño dinámico e accesible, que inclúe prestacións inspiradas nos motores de blogs máis populares e incorpora ferramentas de utilidade municipal. Os cidadáns poden acceder a esta plataforma a través dun banner na páxina web do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.gal).

O internauta pode buscar os blogs da cidade segundo catro criterios: temática, nome do blog, nome do autor e barrio, parroquia ou distrito municipal. Deste xeito, os cidadáns poden atopar facilmente aqueles blogs do ámbito ou do autor que lle interesa.

Cadernos composteláns forma parte da campaña "Un blog para cada cidadán", promovida por Europa Press, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Día Mundial de Internet, o vindeiro 17 de maio. Esta xornada está dedicada a por de manifesto, a nivel internacional, a importancia das novas tecnoloxías na construción dunha sociedade máis xusta e democrática con maiores oportunidades de desenvolvemento e de benestar para o conxunto dos cidadáns.

Compartir: