TURISMO

Un grupo de xornalistas venecianos visita Santiago de Compostela

04/05/2012 Catro xornalistas venecianos están visitando estes días Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada por Turismo de Santiago en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela, Volotea e a OET de Milán, que ten por obxectivo promocionar Santiago no mercado veneciano e impulsar a nova conexión aérea que une ambas cidades dende a pasada semana.

Os catro medios representados na viaxe suman unha audiencia de máis de dous millóns de lectores, segundo os datos proporcionados pola OET de Milán. Os medios son: Il resto del Carlino, Il Giornale de Vicenza, Il Gazzettino e Dolce Vita. Os tres primeiros son xornais xeneralistas de difusión diaria, mentres que o último é unha publicación especializada en viaxes e ocio.

O programa preparado para os xornalistas, que estarán na cidade dende o xoves ao domingo, inclúe visitas ás cubertas da Catedral, ao Casco Histórico, á exposición Compostella Dicitur, un tour gastronómico pola Praza de Abastos ou unha visita á Cidade da Cultura.

Presstrip cunha delegación filipina
Esta acción súmase a unha viaxe de xornalistas e touroperadores filipinos que Turismo de Santiago organizou a comezos da semana, coa colaboración tamén da Asociación Hostalería Compostela e, neste caso, a OET de Singapur. Os xornalistas puideron coñecer da man dos técnicos de Turismo de Santiago os principais atractivos da cidade.

Compartir: