Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
DEPORTES

O Trofeo de Ciclismo Concello de Santiago celebrarase por primeira vez nun circuíto dentro da propia cidade

Guillermo Fernández (CC Muebles Compostela), Adrián Varela e Nemesio Fernández durante a rolda de prensa para presentar a proba.
Ampliar Guillermo Fernández (CC Muebles Compostela), Adrián Varela e Nemesio Fernández durante a rolda de prensa para presentar a proba.


04/05/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o XIV Trofeo de Ciclismo Concello de Santiago, organizado polo Club Ciclista Muebles Compostela. A proba, que se desenvolverá o domingo 6 de maio nas inmediacións da Alameda, reunirá uns 150 novos ciclistas galegos nas categorías de escolas e cadetes.

A novidade desta edición é que, por primeira vez, esta proba se celebrará nun circuíto urbano, xa que nas 14 entregas anteriores tivera lugar nas inmediacións do estadio de San Lázaro. O presidente do Club Ciclista Muebles Compostela, Nemesio Fernández, agradeceu ao concelleiro de Deportes, o achegamento desta proba á cidade, que a fará máis vistosa e concorrida.

Adrián Varela aproveitou a rolda de prensa para anunciar que esta será a primeira das colaboracións máis inmediatas entre o Concello e o Club. Así, o 17 de maio, celebrarase a tradicional Volta da Ascensión. E xa para xullo está prevista a celebración do Campionato Galego de Fondo en Estrada en varias categorías.

O XIV Trofeo de Ciclismo Concello de Santiago desenvolverase para as categorías alevín, infantil e cadete nun circuíto de 1,2 quilómetros que partirá da avenida de Xoán Carlos I. Segundo a categoría, os ciclistas darán, respectivamente, dúas, oito ou 20 voltas a este percorrido.

Para os principiantes federados preparouse unha xincana de habilidade no Paseo Central da Alameda, a partir das 12:00 horas. Pero ademais, calquera neno ou nena que se inicie no ciclismo pode presentarse na Alameda antes das 12:00 h e probar a súa destreza coa bicicleta nesta xincana, sempre supervisados por monitores.

O concelleiro animou as familias compostelás a levar os pequenos e pequenas a esta xincana e a presenciar a proba nun circuíto completo e moi vistoso como o preparado para a ocasión. Xa figuran inscritos 150 participantes procedentes de diversas partes de Galicia e Portugal.
Documentos relacionados

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal