TURISMO

Santiago únese á promoción da Festa do Melindre da Terra de Melide

03/05/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiu na Praza de Abastos á presentación da XXI edición da Festa do Melindre e da Repostería da Terra de Melide. O Concello únese así á promoción desta celebración nunha vila que é punto de paso do Camiño de Santiago.

A Festa do Melindre celebrarase en Melide o domingo 13 de maio. O pregón, a partir das 12:00 horas na praza do Convento, correrá a cargo de Tomás Alonso, do programa Larpeiros da TVG. Tras o mesmo, entregaranse os títulos de recoñecemento aos Embaixadores do Melindre.

Xa pola tarde, entrega de premios do V Concurso de Debuxo Infantil Melindrescos, actuación de clown e concerto na praza das Coles con Os Cempés e o Grupo Fol. Do Conservatorio de Música de Melide.

Direccións relacionadas



Compartir: