Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
DEPORTES

O Multiusos do Sar acolle dous seminarios destinados a profesionais do deporte

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou os dous seminarios.
Ampliar O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou os dous seminarios.


25/04/2012 Os sábados 5 e 12 de maio, o Multiusos Fontes do Sar acollerá dous seminarios destinados a profesionais do deporte: un de fitness personal trainer e outro de actividades dirixidas con soporte musical. O Concello colabora con estes cursos, organizados pola escola de Negocios do Deporte (ENDE).

O Seminario teórico-práctico de fitness personal trainer celebrarase o 5 de maio, baixo a coordinación de Virginia Serrano, subcampiona do mundo de fitness atlético, e de Óscar García, profesor de metodoloxía e planificación do adestramento deportivo. O obxectivo da sesión é presentar o adestramento persoal como unha demanda social en auxe e unha saída profesional. Está dirixido a estudantes e licenciados/graduados en CAFD, técnicos de ciclos profesionais, adestradores deportivos e outros profesionais do sector.

Tamén a estes colectivos profesionais está dirixido o Seminario teórico-práctico de actividades dirixidas con soporte musical, que se celebrará unha semana despois no mesmo recinto. Igualmente coordinado por Virginia Serrano, o curso quere dotar ao profesional da actividade física e do deporte dos coñecementos e procedementos básicos para impartir unha clase colectiva con soporte musical.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou estes dous seminarios, adiantando que para setembro e outubro se está preparando outra acción formativa dirixida a xestores deportivos. Acompañouno na rolda de prensa o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco, quen destacou a utilizade destes seminarios para o perfeccionamento dos profesionais do deporte, neste caso dos dedicados á animación e dinamización deportiva.

O prezo é de 20 euros para cada seminario, que serán 15 no caso de realizar os dous. De solicitalo, a Universidade da Coruña concede tamén un crédito pola realización destes cursos. A día de hoxe, coa inscrición aínda aberta, xa están confirmados 25 participantes no seminario sobre actividades dirixidas e 15 no de adestramento persoal.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal