Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

Ángel Currás expresa a súa vontade de "continuar o camiño iniciado hai dez meses para facer un Santiago mellor".

O novo alcalde durante o seu discurso.
Ampliar O novo alcalde durante o seu discurso.


Xerardo Conde Roa entrega o bastón de mando a Ángel Currás.
Ampliar Xerardo Conde Roa entrega o bastón de mando a Ángel Currás.


Acto de xuramento do cargo.
Ampliar Acto de xuramento do cargo.


Votación para a elección do alcalde.
Ampliar Votación para a elección do alcalde.


Conde Roa pronunciando o seu discurso de despedida.
Ampliar Conde Roa pronunciando o seu discurso de despedida.


Vista xeral do Pleno.
Ampliar Vista xeral do Pleno.


17/04/2012 O ata agora primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Cultura, Ángel Currás, tomou posesión como novo alcalde nun pleno extraordinario celebrado en Raxoi, no que afirmou o seu compromiso coa cidade e coas dificultades do día a día dos seus veciños. Antes, Xerardo Conde Roa formalizara a súa renuncia como alcalde.

Tras a súa investidura como alcalde, Ángel Currás agradeceu a confianza depositada nel a Xerardo Conde Roa, aos seus compañeiros do Goberno municipal e ao presidente da Xunta. Di asumir unha "responsabilidade difícil", pero amosouse disposto a "continuar o camiño iniciado hai dez meses para facer un Santiago mellor". "Este proxecto non acaba, só cambia o capitán", indicou o novo rexedor, quen se sente "totalmente respaldado" polos seus compañeiros, dos que dixo que "serían todos grandes alcaldes ou alcaldesas".

O novo alcalde inicia, tal como comentou no seu discurso de investidura, "un camiño de ilusión e de compromiso; un camiño de esixencia permanente e de entrega a Compostela". Afirmou asumir a súa responsabilidade "dende o cariño persoal e recoñecemento institucional a Xerardo Conde Roa. Sobre el dixo que "a asunción de responsabilidades políticas non pode excluír o recoñecemento institucional a un alcalde que dimite con dignidade. Hai no alcalde que cesa, e no home e no pai, unha dignidade persoal que non se verá nunca empañada". Recordou as súas "razóns de cidade e paixóns de cidade" e, citando a Borges emprazou a Conde Roa "ata calquera tarde en calquera xardín".

Ante o seu novo cometido como rexedor municipal, apuntou que, co seu equipo, "poderá ofrecer á sociedade as respostas más ecuánimes, as solucións máis intelixentes, as decisións máis fundadas e os acordos máis necesarios, aos que espero se sumen os dous grupos da oposición municipal". Así, afirmou que "o noso compromiso coa cidade segue vixente, non só cos grandes proxectos e infraestruturas que Santiago demanda, senón tamén coas dificultades que afectan día a día aos cidadáns. A atención aos pequenos problemas ten que seguir sendo un dos eixes de traballo no que as familias sintan a proximidade e o alento da súa administración más cercana".

Despedida de Xerardo Conde Roa
Ángel Currás recibiu o bastón de mando de Xerardo Conde Roa, quen no seu discurso de despedida tivo palabras de agradecemento para a cidade pola súa confianza. Neste sentido, pediulle desculpas se "nalgún momento lle faltei ao respecto ou á dignidade". Tamén tivo un recordo especial ao seu grupo municipal pola súa "fidelidade, traballo e esforzo".

Antes do seu discurso de despedida dunha Corporación na que afirmou terse sentido "moi a gusto", interviñeron os voceiros dos grupos municipais. Así, a representante do Partido Popular, Paula Prado, destacou a "defensa da cidade" realizada en toda ocasión por Xerardo Conde Roa. Os voceiros de PSdeG-PSOE, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do BNG, Rubén Cela, desexáronlle sorte nesta nova etapa e na súa vida persoal.
Documentos relacionados
Direccións relacionadas

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal