CONSORCIO

O Consorcio de Santiago pon a disposición do público os seus "Cadernos técnicos"

23/03/2012 O Consorcio de Santiago vai poñer a disposición do público os seus proxectos de rehabilitación na cidade histórica, presentados en forma de Cadernos técnicos. Neles recóllense as diferentes fases destes proxectos desenvolvidos nos últimos anos dende a Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio. As publicacións foron presentadas nunha rolda de prensa presidida polo alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa.

A edición fai un pormenorizado seguimento destas obras, dende a súa concepción e deseño inicial, ata o desenvolvemento e a execución dos traballos. Todos eles teñen un denominador común: a idea da cidade histórica de Santiago como motor da transformación contemporánea da cidade.

Estes pequenos libros estarán dispoñibles de maneira online a través da web do Consorcio.

Inicialmente estarán dispoñibles os primeiros seis números:
- Rehabilitación do edificio da Casa do Deán, para a súa adecuación como Oficina de Atención ao Peregrino (ano 2009).
- Rehabilitación da Casa do Cabildo, para a súa adecuación como edificio de uso público (ano 2011).
- Rehabilitación do inmoble situado na rúa do Medio, 65, para a súa inclusión no Programa de Edificios Tutelados do Consorcio de Santiago (ano 2009).
- Restauración do vial histórico da Calzada de Sar, para a súa urbanización e peonalización (ano 2010).
- Restauración e construción da réplica da carraca histórica da Catedral de Santiago, para a súa reubicación na Torre Norte da fachada do Obradoiro (ano 2010).
- Estudo para a posta en marcha dun programa de rehabilitación enerxética na Cidade Histórica de Santiago (anos 2009-2010).

Estes Cadernos técnicos están dirixidos tanto a profesionais da arquitectura e da rehabilitación como ao público xeral, converténdose así nunhas interesantes ferramentas para achegarse á realidade da historia e do patrimonio de Santiago de Compostela. Foron deseñados polo arquitecto Adrián Martín, quen formou parte do Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago.

O Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago é unha iniciativa laboral de carácter formativo que se ven realizando dende 2006 con arquitectos e aparelladores mozos que traballan no desenvolvemento de proxectos que leva a cabo a Oficina Técnica do Consorcio, tanto de rehabilitación e mantemento de vivendas como de intervención en espazos públicos executados polo Consorcio de Santiago ou polo propio Concello. Tamén destacan entre as súas competencias os labores de supervisión destas obras. Así, desde a súa posta en marcha en maio de 2006, os integrantes do Obradoiro teñen intervido en 175 expedientes de vivendas, 32 de mantemento, 71 de carpintería, 8 de monumentos e 3 de espazos públicos, entre outros.

Compartir: