SEGURIDADE CIDADÁ E BENESTAR SOCIAL

Policía Local e Garda Civil delimitan territorialmente as súas competencias en materia de seguridade viaria

23/03/2012 O concelleiro de Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, deu conta da sinatura dun convenio entre a Policía Local e o Destacamento da Garda Civil de Tráfico en Santiago para a delimitación territorial das súas competencias en todo o relacionado coa seguridade varia.

Este acordo marca, rúa a rúa, aqueles ámbitos nos que ambos corpos de seguridade exercerán as súas funcións en materias como atestados, controis, etc. Na práctica, indicou o concelleiro, este convenio supón unha ampliación do ámbito no que exercerá as súas competencias a Policía Local. Así, citou como exemplos algunhas vías nas que se fixan novos marcos territoriais para esta: no Polígono do Tambre, ata a vía Marconi; a vía SC-20 (periférico); a avenida do Cruceiro da Coruña, ata a ponte de acceso ao Polígono do Tambre; a avenida de Asturias; a estrada de Santa Comba, ata a Ponte do Romaño; ou a estrada a Noia, ata a glorieta de Vidán.

Albino Vázquez aclarou que este convenio "en ningún caso implica que ante un delito flagrante non poida actuar a Policía Local ou a Garda Civil aínda que estea fóra do seu ámbito territorial". Tampouco quedan excluídos os acordos de colaboración en programas de seguridade viaria para a realización de campañas e controis, que se seguirán realizando.

Finalmente, apuntou que este convenio vai na liña de seguir "optimizando competencias" e colaborando coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Outro exemplo disto é a recente constitución da Xunta Local de Seguridade. A propósito desta, confía en que en dous ou tres meses poida estar listo o Plan Municipal de Emerxencias.

Compartir: